TURISMO

Un xurado profesional selecciona as tapas que participarán no Santiago(é)Tapas 2019

23/10/2019 O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, a vicepresidenta da Asociación Hostelería Compostela, Rita Sobrado, e David Dopazo, membro da directiva da Asociación, visitaron esta mañá a sede da entidade onde se están a realizar as probas de selección das tapas e cócteis que participarán nos concursos Santiago(é)Tapas e Santiago(é)Cóctel.

Durante tres días - desde onte, día 22 de outubro, e ata mañá, día 24 - un xurado profesional estase ocupando de avaliar a calidade das tapas e cócteis presentados, para decidir se poden participar nos concursos. Optan a elo máis de 70 locais cun centenar de tapas e unha vintena de cócteis.

Este equipo de preselección debe valorar que as propostas respondan ao concepto de tapa, entendendo por esta unha pequena porción de alimentos elaborados para acompañar cunha bebida. Non serán aceptadas aquelas que en realidade sexan racións ou medias racións e as que, ao seu xuízo, non ofrezan unha calidade mínima. Tampouco serán válidas para o concurso as tapas que habitualmente se sirvan de balde nos locais, aínda que se lles realizaran pequenas modificacións.

O xurado tamén debe comprobar que as tapas inclúan na súa elaboración, cando menos, un produto pertencente a algunha das denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas de Galicia. No caso dos cócteis será imprescindible que inclúan na súa elaboración, cando menos, un produto galego.

A organización comunicará aos locais a admisión ou non das tapas/cócteis presentados ao concurso. En caso de que a resolución sexa negativa, daráselles un prazo para presentar unha nova proposta ou ben mellorar a xa presentada. Se non se cumpren os requisitos mínimos, a tapa/cóctel poderá ser excluído do concurso.

Tradicional e creativo
A duodécima edición de Santiago(é)Tapas, o concurso de tapas de Santiago promovido por Turismo de Santiago e organizado pola Asociación Hostelería Compostela, co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio de Mahou, celebrarase do 14 de novembro ao 1 de decembro. Entre todas as tapas participantes seleccionaranse dez finalistas que competirán na final prevista para os días 6, 7 e 8 de decembro.

Establécense dúas modalidades de tapas: tapa tradicional, cun prezo de entre 1 e 2 euros, e tapa creativa, de entre 2 e 3,50 euros. Enténdese por tapa creativa aquela que utilice produtos, técnicas de elaboración e presentación innovadoras. Así mesmo, haberá un premio maridaxe Mahou, no que poden participar ambas as dúas modalidades, sempre que o seu consumo se maride con calquera das distintas cervexas de Mahou.

Tamén entre o 14 de novembro e o 1 de decembro terá lugar o I Santiago(é)Cóctel, un concurso de cócteles organizado pola Asociación Hostelería Compostela. Neste concurso establécense dúas modalidades de cócteis: cóctel clásico, cun prezo fixo de 5 euros, e cóctel creativo, cun prezo de 6 euros.

Premios
Entre todas as tapas presentadas outorgaranse, mediante o voto ponderado do xurado profesional e do público, un primeiro e un segundo premio á tapa creativa, dotados con 1.000 e 500 euros, respectivamente; un primeiro e un segundo premio á tapa tradicional, tamén con 1.000 e 500; e un premio maridaxe Mahou, con 500 euros en producto e un showcooking nun evento Mahou. Tamén se outorgarán os premios do público á tapa creativa e á tapa tradicional, dotados con 700 euros cada un.

Así mesmo, premiaranse dous cócteles, un creativo e un clásico, con 500 euros cada un. Ademais, tamén haberá premios para os consumidores, que poderán optar a eles por completar as diferentes (é)tapas.

Compartir: