ALCALDÍA

Recepcións aos efectivos da Forza Loxística Operativa, encabezados polo xeneral xefe Francisco Javier Sánchez

22/10/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, recibiu ao xeneral xefe da Forza Loxística Operativa, Francisco Javier Sánchez, e a case corenta efectivos que percorreron o Camiño Inglés desde a Coruña, nunha carreira de relevos de dez quilómetros. O rexedor incidiu na influencia positiva "dunhas forzas armadas ben formadas e tecnificadas no desenvolvemento económico" dun país. No acto tamén estivo presente o concelleiro do grupo municipal popular José Antonio Constenla.

Sánchez Bugallo destacou que as forzas armadas están ligadas a innovación, desenvolvemento tecnolóxico, disciplina, traballo en equipo e organización, elementos "imprescindibles", sinalou en economías avanzadas, como o exemplo de Xapón. O alcalde rematou sinalando que "estamos moi orgullosos das nosas forzas armadas e dos homes e as mulleres que as integran".

A Forza Loxística Operativa, con base na Coruña, Zaragoza e Madrid, ten como obxectivo proporcionar o apoio loxístico necesario ás UCOs do Exército de Terra para manter as súas capacidades operativas, con funcións de abastecemento, mantemento, transporte, sanidade e recursos humanos.

Compartir: