XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno local aproba inicialmente o Plan parcial de ordenación de Monte Vidán

21/10/2019 A Xunta de Goberno aprobou inicialmente o Plan parcial de ordenación do SUND-8 (Monte Vidán), promovido por iniciativa particular de Santiago Sur Galicia SL e elaborado polo arquitecto Manuel Gallego Jorreto. Segundo explicou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, "trátase dunha actuación importante que suporá unha notable mellora na zona".

O proxecto prevé a construción dun edificio de baixo e dúas plantas. O baixo será destinado a uso comercial, e os outros dous andares a uso hoteleiro, fronte ao cal se ubicará un aparcamento. Na parte de atrás, explicou o rexedor, está prevista a construción de vivendas unifamiliares adosadas, de baixo e unha planta. Son, sinalou, vinte mil metros cadrados de parcela, con seis mil metros cadrados de edificabilidade. Aproximadamente o setenta por cento será destinado ao aparcamento e a zonas verdes. O proxecto, que tamén contempla a construción dunha rotonda, vaise someter a información pública polo prazo de dous meses.

Na reunión da Xunta de Goberno tamén se aprobou a licenza de obras para a construción, por parte de Unión Hotelera Gallega, dun edificio, de tres sotos, planta baixa e dez plantas para aparcamentos, usos terciarios e vivendas nas parcelas PR1, PR2, PR3, PR4 e PR11A do polígono 2 do SUP-3 Pontepedriña, na avenida de Antón Fraguas. O alcalde aclarou que serán vivendas "de uso residencial".

Outro dos asuntos aprobados foi a modificación da clasificación recollida no prego de cláusulas administrativas particulares do contrato das obras de reurbanización da Rúa Clara Campoamor. Con data 1 de outubro, a Xunta de Goberno Local acordou aprobar o devandito expediente e estableceuse como requisito de solvencia técnica a esixencia dunha clasificación que deberían posuír os interesados. Publicado o anuncio de licitación, e ante as consultas formuladas, revisouse a clasificación fixada, detectándose un erro na mesma. Por este motivo, modifícase a devandita clasificación, que queda de tal xeito: "Grupo G, subgrupo 4, categoría 4"; e amplíase o prazo de presentación de ofertas en quince días, que pasaría a rematar o 19 de novembro.

O alcalde tamén destacou a adxudicación de dous contratos no ámbito da informática: o primeiro deles relativo á subministración e implantación dunha ampliación da infraestrutura de servidores para a solución de administración electrónica do Concello de Santiago de Compostela, que se adxudicou á empresa Coremain SL por un importe de 119.799,65 euros máis IVE. En segundo lugar, adxudicouse a T Systems ITC Iberia SAU o contrato de prestación do servizo de mantemento das aplicación informáticas de xestión de ingresos, padrón de habitantes e notificacións do Concello, por importe de 31.123,46 euros máis IVE.

Nesta sesión tamén se acordou o desistimento do expediente de licitación do "Servizo posta en marcha dos orzamentos participativos Compostela decide para o ano 2020". Isto implica a liberación do crédito correspondente, de 78.664,38 euros. Sánchez Bugallo sinalou que agora cómpre valorar o que se fará nos orzamentos de 2020, se se mantén este programa ou non.

O goberno local tamén autorizou o inicio dos trámites para proceder á recepción das obras da cuberta da pista polideportiva de Verdía e á recepción parcial das obras de reurbanización das rúas Patio de Madres e Castrón Douro - FASE I.

Tamén no apartado de obras, procedeuse a dar un novo trámite de audiencia de dez días hábiles ás empresas Construcciones Rafer SL e Construcciones Taboada SL, adxudicatarias das obras de reparación da rúa Pedreira e anexos e da rúa Escarabuña e anexos, respectivamente, en cumprimento do ditame do Consello Consultivo de resposta á proposta de resolución do contrato acordada pola Xunta de Goberno local o 29 de xullo pasado, motivada polo incumprimento das adxudicatarias de obrigas contractuais esenciais.

Convenios
A Xunta de Goberno Local deu o visto bo á aprobación dunha serie de convenios con varias entidades deportivas: co Obradoiro Club Amigos de Baloncesto SAD por importe de 120.000 euros; co Club Sociedade Deportiva Compostela por importe de 65.000 euros; coa Real Federación Galega de Fútbol e co Club Escudería Santiago para o rallie Botafumeiro, por importe de 30.000 euros cada un; coa Federación Galega de Ciclismo, por 12.000 euros; co Club Atletismo Santiago, por 9.000 euros; e coa Federación Española de Loitas Olímpicas, por 1.500 euros.

A estes convenios súmanse outros dous: con Cogami, por importe de 15.000 euros, para levar a cabo un proxecto de actividades para persoas con discapacidade na anualidade 2019; e co IES Rosalía de Castro para o financiamento do Bacharelato Internacional, por importe de 6.208 euros.

Aprobáronse, ademais, os prezos reducidos e públicos relativos ás actividades regulares e estables da rede de Centros Socioculturais do período outubro-decembro 2019 e deuse conta da programación.

Compartir: