ALCALDÍA

Máis de cen empresas participarán en Talentia Summit’19, que se celebra en Santiago do 21 ao 23 de outubro

17/10/2019 Talentia Summit’19, que se celebra do 21 ao 23 en Compostela, contará coa participación activa de máis de 100 empresas. Só na xornada do luns, no foro de conferencias estratéxicas, que se desenvolverá no Auditorio de Galicia, están inscritas 900 persoas. Os datos presentáronos, en rolda de prensa, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; acompañado por Xabier Ferreiro, director e coordinador do evento; e por Bea García Cibeiro e Javier Represas, mentores de Talentia.

Na súa intervención, Sánchez Bugallo explicou que en Santiago o 70% da poboación adulta menor de 30 anos é universitaria ou ten estudos superiores, polo que solicita expectativas laborais á altura da súa formación. E Talentia, di, "ofrécelle esa oportunidade, busca a cooperación e o entendemento entre empresas, emprendedores e persoas que buscan o seu futuro". Reiterou o alcalde a aposta do concello pola innovación e o emprendemento para crear unha base industrial sólida e competitiva, nunha "estreita relación coa USC".
Sinala o alcalde, que en Santiago "non hai unha dependencia psicolóxica do turismo", a pesar de representar o 20 por cento do PIB do concello. O sector turístico constitúe, argumenta, un espazo reducido, de momento, á Cidade Histórica. Recorda que Compostela é, xunto a Arteixo, o concello que conta con máis solo empresarial. "Hai espazo", sinala, "para a gran aposta de futuro: emprendemento e innovación, en campos como a biotecnoloxía, ou a industria cultural".

Beatriz García Cibeiro, que xa estivo de mentora na edición anterior de Talentia, destaca as altas expectativas do evento do que afirma, "debería ser unha cita necesaria e obrigatoria para as persoas que están buscando emprego e para que quere emprender".
Javier Represas centrou a súa intervención no labor dos mentores: "orientar ás persoas sobre a futura carreira profesional" e ás empresas, axudándoas na resolución dos problemas que se lle poidan presentar.

Xavier Ferreiro destacou as cifras de participación: máis de 1000 vacantes ofertadas; uns 900 asistentes confirmados na xornada inaugural do Foro Talentia; máis de 1.200 inscritos nas actividades da Feira do Talento, en cursos de formación, mentoring persoal, certificados oficiais, entre moitas outras. E un centenar de empresas presentes na Feira do Talento, durante os días 22 e 23 de outubro. Todas a información sobre estas empresas, e sobre a programación, está recollida na Guía Talentia Summit'19, que se repartiu á prensa, e que estará a disposición das persoas que asistan ao evento.

Programa
Talentia Summit ´19 está promovido desde o Concello de Santiago coa intención de consolidarse como un referente a nivel respecto da xestión e o desenvolvemento do talento e o emprego. Durante os tres días desenvolveranse unha gran diversidade de actividades: o luns, día 21, coa apertura de conferencias estratéxicas ás seis da tarde no Auditorio de Galicia. E o martes e mércores, a Feira do Talento, con actividades para a potenciación do talento e o emprego, no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia. Estará aberta ao público durante toda a xornada do martes de 9:30 a 19:30 horas, e o mércores desde as 9:30 até as 14:00 horas.

Nun mundo en constante cambio, o talento é e será a clave para definir e alcanzar os grandes retos da sociedade. Esta edición porá o foco en como afecta a transformación dixital ás persoas e tamén no compromiso social empresarial cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) acordados pola ONU no marco da Axenda 2030.
Por iso, na xornada inaugural, o Foro Talentia de relatorios estratéxicos reunirá os grandes referentes do talento, a tecnoloxía e a administración de empresas nunha única xornada: Miguel Anxo Ruíz Ortega, Brand Strategy & Innovation Senior Manager en Samsung; Sonia Mulero, directora da Fundación Banc Sabadell; Paul Tran, director de Recursos Humanos de Hijos de Rivera; Federico Buyolo, director Xeral da Oficina da Alta Comisionada para a Axenda 2030 das Nacións Unidas; José Luís Pérez-Pla, consultor e director en Cegos e responsable da Escola de Excelencia Comercial de Telefónica; Jaime de Nardiz Pérez, director de Diagnóstico Cultural de Great Place to Work; e Javier Sirvent, evanxelista tecnolóxico.

O acto será conducido por Silvia Jato e contará con presenza das autoridades institucionais Dna. Nadia Calviño, ministra de Economía e Empresa en funcións; D. Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia e Xosé Manuel Bugallo, alcalde do Concello de Santiago de Compostela.

A clave deste encontro será potenciar o talento, reunindo e dando visibilidade ás organizacións e empresas máis comprometidas co desenvolvemento, a promoción e a retención do talento. Doutra banda, os participantes poderán presentarse ante os responsables de recrutamento de empresas, acreditarse mediante certificacións de competencias dixitais ou idiomas, asistir a conferencias, talleres ou exposicións acerca da transformación dixital e outras moitas actividades para mellorar a súa empregabilidade.

Inscricións abertas
Os interesados aínda están a tempo de participar no maior cume do talento e o emprego, as inscricións non se pecharán até o último momento, e os dous días de Feira, o Palacio de Congresos estará totalmente aberto ao público. Toda a información está dispoñible en talentiasummit.com.

Unha oportunidade única dun evento que está a avanzar a grandes pasos para converterse nun referente a nivel nacional do talento e o emprego. O acceso ao recinto é totalmente libre e gratuíto, do mesmo xeito que a inscrición a todas as actividades da Feira e a presenza ao Foro Talentia. Quedan as últimas prazas dispoñibles.

Compartir: