ALCALDÍA

O alcalde destaca a importancia de acompañar ás empresas en todas as fases de desenvolvemento

15/10/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, participou hoxe no acto de presentación da primeira convocatoria para a selección de proxectos participantes no programa BioIncubadoraTech. O rexedor incidiu na importancia de acompañar ás empresas en todas as fases de desenvolvemento, en coordinación con todos os axentes económicos da cidade.

Sánchez Bugallo tamén destacou o excelente posicionamento de Compostela en biotecnoloxía, ámbito, dixo "no que o coñecemento debe converterse en industria". Ademais do alcalde, no acto interviron José Carballo, vicepresidente segundo da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela; Natalia Vázquez Poza, directora de Proxectos FEDER da Fundación INCYDE; Patricia Argerey Vilar, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Consellería de Economía; e Antonio López, reitor da USC.

BioIncubadoraTech
BioIncubaTech forma parte do proxecto "Incubadoras de Alta Tecnoloxía para o fomento da innovación e a transferencia da tecnoloxía ás micropemes", orientadas a promover unha modernización do tecido produtivo das diferentes rexións europeas. Ten como función prestar un conxunto de servizos coordinados para a aceleración das empresas. Entre os seus obxectivos figura a creación de micropemes nos sectores da biotecnoloxía en ciencias da saúde e de biotecnoloxía alimentaria, a mellora da competitividade das empresas, a transferencia de tecnoloxía ao sistema produtivo, e o acompañamento das empresas no proceso de internacionalización.

As Incubadoras créanse como uns instrumentos no marco dos obxectivos da Estratexia UE 2020 e Horizonte 2020. Cada unha das Incubadoras permitirá promover a cooperación interrexional, así como a colaboración entre os axentes do sector público e empresarial, tanto a nivel nacional como internacional.

No caso de BioIncubaTech, é unha iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela e de Uninova, financiada pola Fundación INCYDE dentro do Programa Operativo FEDER de Crecemento Intelixente, a través da Cámara de Comercio.

Uninova
O Concello de Santiago colabora con BioIncubaTech a través de Uninova, a Sociedade para a promoción de Iniciativas Empresariais Innovadoras, S.L., impulsada pola USC e o propio Concello. Ofrece asesoramento, aceleración e soporte á creación de iniciativas empresariais fortemente innovadoras. Xestiona ademais o Edificio Emprendia, con máis de 3.000 m2 de espazos de incubación dispoñibles para empresas altamente innovadoras e un ecosistema completo de apoio ao emprendemento.

Compartir: