TURISMO

Turismo de Santiago aposta por captar turismo de calidade dos mercados asiáticos

15/10/2019 O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, presentaron dúas accións destinadas a promocionar a cidade nos principais mercados emisores asiáticos. A primeira é a participación na ITB Asia, que se celebra en Singapur do 16 ao 18 de outubro, e a segunda é a asistencia á feira JATA, que se celebra en Osaka do 24 ao 27.

Segundo apuntou o concelleiro, un dos principais obxectivos de Turismo de Santiago é captar un turismo de maior calidade, que complemente o turismo tradicional da cidade, achegándolle un valor engadido. O obxectivo é captar un tipo de turismo que teña un gasto medio elevado e que fomente a desestacionalización da demanda, xerando un modelo turístico máis sostible.

Segundo os datos do INE, o gasto medio por turista internacional en España no 2018 foi de 146 euros. Xapón, con 410 euros, Corea, con 353, e China, con 291, superan amplamente esta media. Neste sentido, os turistas destes tres mercados son turistas que xeran un gasto moi elevado e que ademais viaxan durante todo o ano, permitindo a desestacionalización do destino.

Coa participación nestas dúas feiras, Turismo de Santiago reforza a promoción que xa se estaba facendo nos últimos anos nos mercados asiáticos. Os datos de peregrinos no Camiño de Santiago amosan o importante crecemento que están vivindo os mercados coreano, xaponés e chinés.

No ano 2005 Corea tivo 24 peregrinos, un número apenas relevante. Sen embargo, no 2018 tivo 5.665. Foi o noveno país con maior número de pereginos, convertíndose para a cidade nun mercado xa cun peso importante. Pola súa banda, Xapón tivo 278 peregrinos no 2005, que aumentaron ata 1.477 no 2018. E China tivo apenas 5 peregrinos no 2005, que subiron ata 1.111 o ano pasado.

O obxectivo da participación nestas dúas feiras é manter unha ampla axenda de reunións con axentes de viaxes, turoperadores, responsables de OETs e profesionais do sector, para presentar a Santiago como un destino idóneo para os mercados do sureste asiático, no que se combinan cultura, patrimonio, historia, gastronomía e natureza. A idea é conseguir que se inclúa a Santiago tanto nas rutas turísticas que fan os grupos por diferentes cidades e rexións de Europa, coma que se presente a cidade como un destino que paga a pena visitar por si mesmo.

Documentos relacionados



Compartir: