PATRIMONIO

Constituída a Comisión de Patrimonio do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, coa presenza na mesma da concelleira Mercedes Rosón

09/10/2019 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España (GCPHE) será o anfitrión do V Encontro Europeo de Patrimonio Mundial, que se vai a celebrar na cidade de Eivissa os días 26 e 27 de novembro. A preparación dese V Encontro Europeo é o primeiro reto que afronta a nova Comisión de Patrimonio do Grupo, que se constituíu este mércores en Madrid, baixo a presidencia do alcalde de Mérida, Antonio Rodríguez Osuna, e que está formada polos concelleiros/as de área das 15 cidades, entre eles/elas a concelleira compostelá de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Mercedes Rosón.

"Hoxe constituímos a nova comisión, na que cada un dos e das representantes das nosas 15 cidades, delegados/as de Urbanismo e de Patrimonio, puxemos en común cales son os obxectivos para este primeiro ano. Por suposto, o máis importante é a protección do Patrimonio Mundial que temos nas nosas cidades", sinalou Rodríguez Osuna, en calidade de vicepresidente do Grupo, antes de engadir que "temos dúas citas importantes en axenda, que son o XIII Encontro de Xestores de Patrimonio Mundial, que se celebra en Córdoba os días 6 e 7 novembro e, por suposto, as xornadas de Patrimonio Mundial, que van reunir os/as principais expertos/as nesta materia en Eivissa os días 26 e 27 de novembro. O noso obxectivo é liderar desde España o impulso ás novas iniciativas para a conservación do patrimonio histórico en todo o mundo".

O presidente destacou a importancia do Grupo e a súa longa traxectoria nestes 26 anos de traballo conxunto e o feito de que España, con 47 bens rexistrados na Lista de Patrimonio, sexa o terceiro país do mundo con maior número de inscricións, só por detrás de Italia e China: "Somos conscientes da importancia que teñen a conservación e a recuperación do patrimonio e o noso reto é conseguir xerar emprego e riqueza nas nosas 15 cidades. Por suposto, tamén temos que afrontar novos desafíos, como pode ser compartir boas prácticas sobre a problemática que expón a ocupación dos novos aloxamentos turísticos", asegurou.

Apartamentos turísticos
Sobre esta cuestión dos apartamentos turísticos, a concelleira Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Mercedes Rosón, sinalou que se trata dun debate importante, sobre o que cómpre unha reflexión en profundidade, porque "é un problema importante para algunhas das cidades do Grupo".

Mercedes Rosón explicou que dende o Concello de Santiago "temos iniciada unha estratexia en tres eixos". O primeiro, unha acción inspectora que, dixo, "permitirá completar a información dispoñible e aflorar a complexa realidade existente, ademais de aproximar o Concello a unha realidade tan novidosa e cambiante". O segundo, a valoración técnico-política en distintos ámbitos: sociolóxico, económico, cultural, etc. O obxectivo, segundo Rosón, é "contrastar coa cidadanía e cos axentes implicados, a análise de factores positivos e negativos e o necesario pacto entre intereses contrapostos". E o terceiro, a regulación urbanística na que, sinalou a concelleira, "incorporaremos experiencias existentes á información e conclusións recompiladas nas dúas fases anteriores, adaptadas ás peculiaridades do marco autonómico regulatorio".

Aula de Patrimonio
A Comisión de Patrimonio, reunida na sede da Federación Española de Municipios e Provincias, aprobou o nomeamento de Carmen Yáñez, concelleira de Patrimonio de Mérida, e de Pep Tur, concelleiro de Patrimonio de Eivissa, como coordinadores. Tamén deu luz verde á celebración do certame Aula Patrimonio 2020, con 14 premios para os centros escolares finalistas. Sobre a mesa, outros proxectos didácticos para promocionar os bens Patrimonio Mundial e creación de novos mapas turísticos. Ademais, o Grupo tamén estará presente no XXIII Congreso Nacional de Historia da Arte, que se celebra en Salamanca do 30 marzo a 3 abril de 2020, cun panel dedicado ás Cidades Patrimonio.

Compartir: