ALCALDÍA E POLÍTICAS SOCIAIS

O alcalde demanda como "prioridade absoluta" a construción da nova residencia de persoas maiores de Fontiñas

08/10/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, reuníronse este martes coa conselleira de Política Social, Fabiola García. Na xuntanza tamén participaron a secretaria xeral técnica da Consellería, María Francisca Gómez, e o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado.

Tras a reunión, na que se fixo un "repaso minucioso" por diferentes temas que afectan á cidade, Sánchez Bugallo valorou a "gran receptividade" da conselleira para "mellorar as condicións dos nosos veciños e veciñas". Pola súa parte, a titular de Política Social confirmou ese compromiso e indicou que a reunión estivo presidida pola "lealdade institucional e a cordialidade".

O alcalde indicou que "os máis desfavorecidos teñen que ter unha protección especial polas políticas públicas, con especial énfase nas persoas maiores, nas que viven soas e nos máis novos". Nesta valoración coincidiu tamén a concelleira Mila Castro, que se declarou "moi satisfeita" tras a reunión.

Un dos temas tratados no encontro foi a futura residencia que financiará a Fundación Amancio Ortega en Fontiñas. O alcalde apuntou que esta instalación é "unha prioridade absoluta", porque hai "unha demanda social importante". Sobre este asunto, a conselleira avanzou que se está redactando o proxecto básico e de execución, co obxectivo de iniciar as obras no primeiro semestre de 2020. Salientou que esta nova residencia, de 120 prazas, ofrecerá un "equipamento innovador e as últimas tecnoloxías".

Outra das cuestións demandadas polo Concello é a mellora do Servizo de Axuda no Fogar, "tanto en calidade como na atención a máis persoas", sinalou a concelleira. Sobre isto, Fabiola García expresou o compromiso de impulsar o servizo, "incrementando o número de horas dentro das circunstancias de cada concello".

A conselleira de Política Social tamén se referiu aos avances no Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi), coa posta en funcionamento da zona de rehabilitación. Expresou o seu desexo de que o Imserso poña en marcha canto antes a parte residencial e a apertura dunha delegación do Centro de referencia estatal de autonomía persoal e axudas técnicas (Ceapat).

Compartir: