XUNTA DE GOBERNO

O acendido do alumeado de Nadal, para as vésperas da ponte da Constitución

07/10/2019 A Xunta de Goberno Local nomeou os/as integrantes da comisión de expertos que avaliará as propostas de iluminación de Nadal. Tal como anunciou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, a intención do Goberno municipal é acender este alumeado nas vésperas da ponte do día da Constitución (6 de decembro).

Sánchez Bugallo explicou que a tardanza na elección da empresa encargada do alumeado de Nadal deste ano obedece á tardanza con que se aprobaron os orzamentos. Pero a intención do Goberno local para vindeiros exercicios, apuntou, é "intentar facer a convocatoria antes do verán, para así actuar con máis prazo e ter maior dispoñibilidade de ofertas".

Unha vez sexa adxudicado o alumeado, dixo, conversarase coas asociacións de comerciantes para "harmonizar" as propostas estéticas. A municipal sairá da elección que faga un comité de expertos integrado por Lourdes Pérez Castro, arquitecta e directora técnica da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago; Javier Fernández Muñoz, xefe de servizo de Rehabilitación e Vivenda; e José Manuel González García, vicesecretario do Concello.

Vivenda
En materia de licenzas, o Goberno local concedeu unha para a construción dun edificio de 41 vivendas na rúa de Manuel Ceruelo, 4 (SUNP-14). Aproveitando esta cuestión, o alcalde anunciou que o Goberno municipal quere sacar á venda dúas parcelas municipais en 2020, destinadas a vivenda de protección autonómica. Sánchez Bugallo indicou que "segue habendo necesidade" deste tipo de vivenda e apostou porque o Goberno central revise as condicións para a adxudicación destes inmobles, que hoxe "teñen o lastre de que non se poden descualificar ata pasado un prazo de 30 anos". Cre que un prazo máis razoable sería "de 10 ou 15 anos".

Comercio
Ademais, a Xunta de Goberno aprobou a convocatoria e as bases dunha nova edición do programa Coidar para mellorar, que promoven conxuntamente os departamentos de Comercio e de Lingua. En total, destínanse 40.000 euros a esta iniciativa, que conta con dúas liñas de axuda: unha para reforma e adecuación de locais e outra para gastos de comunicación realizada en galego.

Extinción de incendios
Outro dos acordos foi a aprobación do convenio de colaboración entre o Concello e a Xestora de Concertos para a Contribución aos Servizos de Extinción de Incendios – A.I-E, para a liquidación e recadación da contribución especial para o establecemento, mellora e ampliación do servizo de extinción de incendios. A Xestora obrígase a abonar ao Concello, para cada un dos anos de vixencia do convenio, a cantidade resultante de aplicar o 5% sobre o 100% das primas dos seguros multirriscos, do ramo de incendios, recadadas no ano inmediatamente anterior e que se refiran a bens situados no ámbito xeográfico do concello.

Hortas urbanas
Tamén se outorgaron as autorizacións de uso das hortas urbanas e listas de agarda do Campo das Hortas e de Belvís de Abaixo, segundo os actos públicos realizados, respectivamente o 12 e o 18 de setembro. Cómpre lembrar que se trata de 54 hortas no Campo das Hortas e 26 en Belvís de Abaixo.

Centros socioculturais
En materia de centros socioculturais, acordouse a solicitude de dúas subvencións á Deputación da Coruña: unha de 144.000 euros para financiar o funcionamento do Centro Sociocultural do Ensanche, e outra de 140.000 euros co mesmo fin, pero para os centros socioculturais do ámbito rural.

Documentos relacionados



Compartir: