ALCALDÍA

Sánchez Bugallo aposta polo modelo de industrialización e de captación de investimentos dos concellos do norte de Portugal

04/10/2019 Tras participar esta semana en Portugal na presentación dun informe do Eixo Atlántico sobre captación de investimentos para os concellos, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, puxo como exemplo os municipios do norte de Portugal de modelos exitosos de industrialización e de captación de empresas. Por iso, anunciou que se vai intensificar a colaboración con concellos como Viana do Castelo, Braga ou Coímbra para traballar nesta materia e tamén noutras como o turismo ou a investigación.

Sánchez Bugallo resaltou o "salto cuantitativo e cualitativo" que concellos do norte de Portugal foron capaces de dar na industrialización e na captación de investimentos industriais. En particular, citou o exemplo de Viana do Castelo, cun parque industrial con 42 empresas, das que só unha é española, polo que, dixo, "non se pode falar de deslocalización".

Establecendo unha comparación con Santiago, explicou que "nós temos aeroporto, solos industriais, infraestruturas… pero fáltanos unha política e facilitades para a implantación de empresas". Neste sentido, avanzou, "temos un compromiso activo" nesta dirección, e indicou que se están dando pasos, "como a Mesa pola industrialización, a proposta de hub tecnolóxico en biotecnoloxía e o solo industrial".

Outra das cidades lusas que puxo como exemplo foi Braga, coa que anunciou que se avanzará no irmandamento e no traballo conxunto en materia industrial, pero tamén turística, coa intención de potenciar o Camiño Portugués, e investigadora, con colaboracións entre a USC e a Universidade do Minho. A propósito dos lazos de unión entre Santiago e Braga, o rexedor lembrou que foi un profesor da USC, José Rivas, o encargado de por en marcha no seu día na cidade lusa o Instituto Ibérico de Nanotecnoloxía.

Ordenanzas fiscais
Preguntado polas negociacións sobre as ordenanzas fiscais, afirmou que houbo un "achegamento importante" con Compostela Aberta, especialmente no sentido de coincidir en que "hai que manter o equilibrio financeiro entre ingresos e gastos e non se poden minorar os ingresos". En calquera caso, reiterou que o Goberno municipal seguirá traballando para lograr "o maior nivel de consenso posible" tamén co resto de formacións.

Peleteiro
Na súa habitual rolda dos venres, o alcalde tamén foi preguntado pola parcela do antigo Peleteiro, e anunciou que a empresa encargada de realizar o estudo sobre usos presentará en novembro un avance das súas conclusións. Lembrou Sánchez Bugallo que a consultora terá que presentar "unha proposta que reforce o atractivo do Ensanche, que pasa por unha potente crise no eido comercial". A este respecto, incidiu en que "non é posible que se recupere só co comercio de proximidade, senón que debe ser capaz de atraer clientes da comarca".

Cineuropa
Finalmente, o alcalde respondeu a preguntas sobre Cineuropa. "Todo segue o seu trámite", dixo, se ben explicou que hai un recurso xudicial presentado pola empresa excluída do concurso pendente de resolución. En calquera caso, á vista da claridade dos pregos respecto a esta exclusión, Sánchez Bugallo indicou que "non agardo que haxa suspensión cautelar", polo que espera que o festival se poida celebrar con normalidade.

Compartir: