ALCALDÍA

Concello e Tráfico comezan a preparar o operativo para o Ano Santo 2021

04/10/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, reuniuse este venres coa xefa provincial de Tráfico da Coruña, Victoria Gómez Dobarro. Na xuntanza tamén participaron o concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, integrantes da Xefatura e responsables da Policía Local de Santiago.

Tal como explicou o alcalde, na xuntanza abordouse o operativo de tráfico cara o Ano Santo 2021. Anunciou un "programa ambicioso" no que, ante a carencia de efectivos, "deberemos esforzarnos por incorporar as novas tecnoloxías, en mellorar a seguridade e en ofrecer unha boa atención a peóns e condutores".

Puxo como exemplo de medidas a adoptar a activación dos paneis informativos sobre os estacionamentos soterrados da cidade, que "actualmente non está operativo". "Temos que renovalo tecnoloxicamente, incorporar os novos estacionamentos (respecto aos existentes en 1993) e tamén información sobre os estacionamentos de rúa", apuntou, na busca de ofrecer "a información máis completa posible". Segundo citou, outra medida sería "a integración da comunicación de Tráfico, centrada no cuartel da Garda Civil nas Cancelas, e a da Policía Local.

Sánchez Bugallo aposta por "optimizar a rede viaria e uns servizos que son escasos e insuficientes, para transmitirlle a mellor información aos/ás usuarios/as". Neste cometido, dixo, é importante a renovación tecnolóxica, polo que saliento o esforzo importante nesta materia previsto grazas ao proxecto Smartiago.

Tamén anunciou a intención de crear catro novos aparcadoiros disuasorios de bordo, conectados ao centro de Santiago por transporte público, nas entradas principais da cidade dende as catro provincias. No caso da entrada dende A Coruña, está previsto construír un "amplo estacionamento" nunha parcela municipal en Amio. Indicou que se vai encargar o anteproxecto e buscar vías de financiamento. Sobre as outras tres entradas á cidade, estanse estudando as posibles ubicacións, xa que "non hai dispoñibilidade de grandes espazos".

Compartir: