PLENO

A Corporación aproba a modificación urbanística da parcela na que se construirá a futura Cidade da Raqueta

26/09/2019 O Pleno da Corporación, na súa sesión ordinaria de setembro, celebrada este xoves, aprobou o calendario de festivos locais en 2020. Serán o martes 25 de febreiro, martes de Entroido, e o xoves 21 de maio, día da Ascensión. Nesta sesión, que se iniciou co minuto de silencio polas vítimas da violencia machista, tomou posesión María Castelao como nova concelleira do grupo municipal popular, en substitución de Agustín Hernández.

En materia de Urbanismo, abordáronse por unanimidade tres puntos neste Pleno. Así, acordouse provisionalmente a modificación puntual do PXOM nas disposicións transitorias 2ª e 12ª, respecto ao Plan parcial de Fontiñas e PERIS de Concheiros, Vieiro e Outeiro. Xa de xeito definitivo deuse o visto bo á modificación puntual do plan especial para o desenvolvemento do sistema xeral de equipamento deportivo ZD-2, na área deportiva de San Lázaro, que se transformará na futura Cidade da Raqueta.

Finalmente, acordouse a ampliación de usos permitidos na reserva de equipamento EU-9, na rúa de Casas Reais, 8, isto é, o coñecido como antigo Banco Simeón, agora Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega, que ata agora era utilizado pola USC e que o novo Goberno municipal quere destinar a sede da Oficina da Cidade Histórica.

Comisión especial da memoria histórica
Tamén saíu adiante unha proposición do BNG, emendada tanto por CA como polo PSdeG-PSOE, para a creación dunha comisión da memoria histórica. O Concello comprométese igualmente a levantar un monumento de homenaxe aos alcaldes Ánxel Casal e José Germán Fernández, coa inscrición dos nomes daquelas persoas executadas ou presas polo franquismo, e a xestionar a retirada da simboloxía franquista aínda presente na cidade.

Ademais, o Concello promoverá a colocación dunha placa no aeroporto compostelán en lembranza das persoas que estiveron no campo de concentración de Lavacolla e que colaboraron na construción do aeródromo. Finalmente, asúmese o compromiso de dar apoio aos fondos documentais, museísticos ou patrimoniais, e á creación de novos soportes de divulgación e investigación da memoria histórica.

A proposición recibiu o voto favorable dos tres grupos municipais mencionados e o voto de abstención do PP.

Pacto polo rural
No capítulo de proposicións, aprobouse, cos votos favorables de CA e BNG, coa abstención de PSdeG-PSOE e PP, unha presentada por Compostela Aberta solicitando un pacto polo rural para garantir o investimento nas parroquias de Santiago para o período 2019-2026. A proposición aposta por un investimento municipal de 20 millóns de euros neses oito anos e por urxir ao resto de Administracións para completar este investimento.

Normas sobre actividades na vía pública
A última das proposicións aprobada foi unha presentada polo grupo municipal popular instando ao correspondente órgano do Goberno a modificar as normas que regulan as actividades artísticas e artesanais na vía pública e o control da súa aplicación. Votou a favor o PP, en contra CA e abstivéronse PSdeG-PSOE e BNG.

Declaracións institucionais
A Corporación tamén aprobou por unanimidade tres declaracións institucionais. A primeira, xurdida a partir dunha moción de Compostela Aberta, urxe ao Concello a deseñar un programa completo e transversal sobre a figura de Ricardo Carvalho Calero, a quen se lle dedicará o Día das Letras Galegas 2020. A declaración insta a coordinarse con outras cidades nas que residiu Carvalho Calero, nomeadamente Ferrol e Lugo, para realizar unha homenaxe conxunta á súa figura. Tamén se demanda o inicio dos trámites para nomear ao escritor fillo predilecto ou adoptivo da cidade e solicítase ao Parlamento de Galicia a posta en valor do seu legado.

A segunda declaración, emanada dunha moción de Compostela Aberta, pronúnciase contra as violencias machistas e expresa a necesidade de aumentar os recursos para políticas de igualdade. Ademais de asumir este compromiso a nivel local, o documento insta no mesmo sentido aos gobernos español e galego.

A terceira declaración, xurdida dunha moción do BNG, pide á Xunta de Galicia que adopte en 2020 unha solución para a construción da nova Escola Oficial de Idiomas, na parcela xa ofrecida ou noutra que se considere acaída, ante as carencias das actuais instalacións.

Tamén se aprobou unha declaración, neste caso saída dunha moción do PP, demandando do Goberno do Estado a construción dunha zona residencial para persoas con discapacidade física no Centro Galego de Desenvolvemento Integral (CEGADI), e a posa en servizo dunha delegación do Centro de Referencia Estatal de Autonomía Persoal e Axudas Técnicas.

Finalmente, subscribiuse unha declaración en apoio dos traballadores do aeroporto de Lavacolla en folga, co compromiso de traballar en colaboración coa Delegación do Goberno na busca dunha solución ás súas demandas laborais.

Intervencións cidadás
Este Pleno contou con tres intervencións cidadás: a do actor Francisco Javier Deive Martínez, da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, e de Xulia Guntín Araujo, en nome da Asociación de Veciños de Santa Marta-Choupana, que falaron sobre as residencias artísticas e outros usos do Centro Sociocultural de Santa Marta; e Pablo de Prado, en presentación do comité de folga do Aeroporto de Santiago.

Compartir: