MEDIO RURAL

A Fundación Laboral da Construción acolle ata o sábado o Foro Internacional da Economía e Cultura do Rural (FICRURAL 2019)

26/09/2019 Está mañá comezaba, na Fundación Laboral da Construción o FicRural, o Foro Internacional da Economía e da Cultura do Rural, organizado pola Concello de Santiago e pola Deputación da Coruña. Na mesa redonda "O rural en Galicia" analizáronse distintas propostas sobre o modelo territorial galego, o desenvolvemento do rural e a crise demográfica. E na mesa provincial fíxose unha posta en común de distintos proxectos innovadores.

Nestes espazos de debate, nos que participaron case 40 persoas, apuntouse á falta de servizos, ás dificultades de acceso ao empego, á vivenda ou ás terras; e á desvalorización do rural como posibles causas do despoboamento. Pero tamén se incidiu en que hai futuro no rural, se hai vontade e políticas que favorezan a prestación de servizos e o asentamento de proxectos que invistan no rural e que favorezan o seu desenvolvemento económico.

Exposición
Ao mediodía inaugurouse a exposición itinerante Anacos de Compostela e A Coruña. A mostra, que tamén se exhibiu en varios centros socioculturais do rural, é unha selección de fondos fotográficos pertencentes á edición multimedia Galicia na memoria. Unha escolma fotográfica e cinematográfica de Galicia elaborada grazas á colaboración coa Mediateca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, que aporta os seus valiosos fondos sobre a Galicia rural, recollidos entre 1934 e 1989; co Ministerio de Educación e Cultura e coa Filmoteca Española.

O alumnado dos colexios Lamas de Abade e Apóstolo Santiago, tamén gozaron coas distintas actividades programadas no FicRural Xogo Escola. E puideron ver como Yoseba Muruzábal comezaba a pintar o mural dunha das súas superheroínas galegas. Pertencen á serie Fenómenos do rural, formada por unha serie de cadros e murais nos que o artista galego se inspira en mulleres do noso rural ás que dota de "superpoderes". O obxectivo desta serie de imaxes é dar testemuña do traballo que estas mulleres exercen nos seus fogares e a relevancia que iso ten no seu medio a na súa contorna.

A esta primeira xornada do FicRural asistiu o concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel.

Direccións relacionadas



Compartir: