XUNTA DE GOBERNO

Aprobado o reparto de case 90.000 euros entre as asociacións veciñais

25/09/2019 A Xunta de Goberno, reunida este mércores en sesión extraordinaria, resolveu a convocatoria de subvencións ás asociacións veciñais 2019. Na mesma xuntanza aprobouse a ampliación do prazo de execución das obras na rúa da Batalla de Clavijo ata o 31 de outubro.

A esta convocatoria de subvencións veciñais presentáronse un total de 39 solicitudes, das que unicamente foi rexeitada unha, por non cumprir coa finalidade fixada nas bases. As outras asociacións veciñais repartiranse un total de 89.766,79 euros. Os importes van dende un máximo de 3.000 euros ata os 512 euros, sempre en función do orzamento presentado polas entidades para as actividades previstas.

Batalla de Clavijo
Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi o de ampliación ata o 31 de outubro do prazo de execución das obras de renovación de calzada e beirarrúas na rúa da Batalla de Clavijo e anexas, que contan con financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa Operativo de Crecemento Sostible, 2014-2020". A data prevista inicialmente para o remate da obra era o 26 de setembro, pero amplíase en 27 días hábiles debido á necesidade dos servizos de tráfico de realizar probas de manobra de vehículos para o acceso a garaxes (8 días hábiles), e tamén por imprevistos e modificacións necesarias en varias redes de instalacións (19 días hábiles).

Equipamento de lecer en Lavacolla
Tamén en materia de obras, acordouse iniciar un expediente por incumprimento de contrato nas obras para a dotación de equipamentos de ocio en Lavacolla, por unha demora inxustificada a xuízo dos técnicos municipais. Concédeselle ao contratista un prazo de quince días hábiles, con carácter previo á imposición, no seu caso, deas penalidades que procedan.

Outros asuntos
Na mesma sesión extraordinaria, acordouse a prórroga por un ano do servizo alleo de prevención de riscos laborais para o Concello. Finalmente, aprobouse a concertación dunha operación de préstamo a longo prazo para financiar investimentos e transferencias de capital por importe de 2.950.000 euros.

Documentos relacionados



Compartir: