ACCIÓN CULTURAL

A Escola de Música de aCentral Folque inaugura un novo curso

25/09/2019 Un novo curso para quen goste de aprender e saber da música galega comeza en Santiago de Compostela da man da Escola de Música de aCentral Folque a partires de outubro en diferentes centros socioculturais da cidade e no Auditorio de Galicia. Para todos os públicos e todas a inquietudes en diversas especialidades e en aulas individuais ou colectivas. Esta iniciativa recibe máis un ano o apoio do Concello de Santiago.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou este novo curso de aCentral Folque e destacou os 19 anos que levan ensinando as músicas populares galegas, "contribuíndo así á súa divulgación e, sobre todo, á súa conservación, algo moi importante, porque o baile e o canto tradicional e instrumentos como a gaita, a safona ou o violino son parte da nosa identidade e do noso acervo cultural". Ademais, resaltou o feito de que leven estas ensinanzas aos centros socioculturais, "achegándoas así aos seus potenciais alumnos e alumnas e favorecendo a súa aprendizaxe".

O curso abrirase hoxe mesmo, ás 20:30 horas, no Auditorio de Galicia, cun Concerto de Outono, no que alumnos/as e mestres/as ofrecerán un recital variado coa representatividade de cada aula que se imparte na Escola. Zanfonas, violinos, cantos, regueifas, bailes, percusións de man, gaitas e algunha sorpresa que se poderá escoitar e ver este día e en acústico na sala pequena do Auditorio, unha das sedes onde se desenvolve a actividade docente da escola. Haberá un divertido sorteo de libros e discos para as persoas asistentes ao concerto.

19 anos ensinando música galega
Acompañou á concelleira na rolda de prensa Alba María Rodríguez, coordinadora da Escola, que explicou a proposta docente de aCentral Folque, entidade que leva 19 anos aprendendo música ao redor das formas patrimoniais galegas dende que abriu as súas portas, no curso 2000-2001, o daquela chamado Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín, vila onde se mantivo ata o ano 2008, cando trasladou a súa sede a Santiago de Compostela. Nun tempo onde o ensino da música galega estaba restrinxido ao ámbito local dos grupos folclóricos e ao tecido asociativo, esta Escola supuxo un foco de atención a músicos de toda Galicia que podían atender a aulas individuais de especialidades pouco frecuentes como a sanfona ou o acordeón diatónico.

Vinte anos despois e cunha rede moi extensa de lugares e iniciativas semellantes onde aprender música galega por todo o país, aCentral Folque continua a ser referencia docente con características propias como aulas individuais de instrumento ou o único Curso Maxistral sobre a música patrimonial galega.

A Escola de aCentral Folque é un centro de ensino dinámico no que prima a calidade da relación entre mestre e alumnado. A súa metodoloxía baseáse na transmisión do legado da música popular galega e no acompañamento do alumnado na busca da súa propia voz dentro da escena contemporánea. Para isto, a Escola é coñecida por contar cun equipo de profesores excepcional formado por algunhas das figuras máis relevantes da escena musical galega. Mestres coma Óscar Fernández, Sergio Cobos, Paulina Ceremuzynska, Sergio de la Ossa, Roberto Sala ou María G. Blanco forman parte do profesorado regular das aulas, mais outros músicos son convidados regularmente a impartir aulas maxistrais nos Monográficos que se celebran puntualmente ao longo de todo o ano en especialidades tan diversas coma birimbao, canto e pandeireta, canto en grupo, frauta irlandesa, sanfona para crianzas...

Direcciones relacionadas



Compartir: