ALCALDÍA

Sánchez Bugallo pide "colaboración e comprensión" á veciñanza ante as obras de mellora dos Camiños nas entradas a Santiago de Compostela

23/09/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asistiu coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, á visita que esta realizou ás obras de mellora e integración paisaxística dos Camiños de Santiago no ámbito do Monte do Gozo. O rexedor expresou a súa satisfacción coa "mellora cualitativa da accesibilidade a Santiago" que supoñen estas actuacións, que "benefician aos/ás visitantes, pero tamén aos composteláns".

Sánchez Bugallo aproveitou a visita ás obras para pedirlle á veciñanza "colaboración, comprensión e participación" ante as "dificultades e malestar" que poidan xerar estes traballos. "Todas as obras xeran incomodidade, pero o que non podemos é desaproveitar esta oportunidade, que vai reverter nunha mellora moi notable da accesibilidade", indicou.

Reiterou que estas actuacións van servir para mellorar non as posibilidades de acceso dos e das visitantes, senón tamén para "mellorar moitas zonas da cidade, que agora están moi deterioradas, como Conxo ou San Pedro e Concheiros". Por iso, insistiu en solicitarlle aos/ás cidadáns que "colaboren para facelas o mellor posible".

Pola súa parte, a conselleira tamén se referiu aos beneficios que estas obras, "estratéxicas para o Xacobeo 2021", teñen tanto para peregrinos/as como veciños/as, contribuíndo a facer un "Camiño máis cómodo, máis accesible e máis humano". Esta obra en concreto, dende o ámbito da capela de San Marcos ata a AP-9, supón un investimento de 845.000 euros e ten un prazo de execución de nove meses. Acondicionarase a entorna de capela de San Marcos e crearase unha nova praza na súa fronte, con árbores de especies autóctonas e con iluminación que resaltará elementos singulares, como a entrada ao adro. A partir do adro da capela, a senda de baixada para os peregrinos atravesará a carballeira existente e continuará o seu trazado paralelo á estrada, separada desta por unha franxa verde.

Xa no núcleo de San Marcos disporase unha plataforma continua de formigón que favorecerá a convivencia de veciños, peregrinos e vehículos e coidando especialmente a zona fronte ás vivendas. E no treito final substituirase as escaleiras por unha pasarela que permitirá salvar o desnivel existente e conectar a rúa do Gozo co paso da N-634 sobre a AP-9.

Esta intervención, unida ás proxectadas no treito entre O Tangueiro e San Lázaro, que están en proceso de adxudicación, permitirán completar a mellora do Camiño Francés dende o Monte do Gozo ata San Lázaro. Esta segunda actuación agárdase que estea rematada tamén no próximo verán.

Compartir: