ALCALDÍA

Inaugurado o FICRURAL coa lectura dun manifesto e co repique de campás da igrexa da Gracia

22/09/2019 Este domingo inaugurouse o FICRURAL 2019 no Centro Sociocultural da Gracia. Fíxose nun acto no que se deu lectura ao manifesto "A España baleirada" e se repenicaron as campás da igrexa ás 12:00 horas. Na inauguración participaron o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o deputado provincial de Contratación e Patrimonio, Xosé Luís Penas, ademais doutros/as integrantes da Corporación.

Na súa intervención, Sánchez Bugallo deu as grazas á Deputación da Coruña pola súa colaboración. Sinalou que "debemos facer unha reflexión: que rural temos e que rural queremos". A maior preocupación, dixo, é asegurar o futuro das novas xeracións: "temos que xerar actividade económica produtiva viable para que os máis novos non teñan que marchar de Santiago nin de Galicia". Segundo apuntou, o FICRURAL formula esa posibilidade: "ser quen de por en valor o que temos". "Temos que ser capaces –continuou- de converter determinadas producións tradicionais do rural en produtos de calidade, cun valor específico, como fan noutros lugares".

O deputado provincial de Contratación e Patrimonio, Xosé Luís Penas, indicou que ve este tipo de foros en clave de esperanza para o rural. "Falar do rural é falar de lingua, de cultura, de historia", afirmou, e iniciativas como está "dan a coñecer todo o potencial que ten o rural para o país, tanto económico como social".

Manifesto
O manifesto da Rede de Periodistas Rurais de España, lido polo xornalista Aser Álvarez, aposta por "unha revolta pacífica na defensa do rural e contra o cambio climático", reivindica a Galicia rural e a España rural como algo imprescindible para "o equilibrio territorial, social, económico e para a defensa do medio ambiente".

O documento apunta ao FICRURAL como punto de inflexión, de concienciación do cambio de políticas para frear "a hemorraxia do rural", que en Galicia tamén está xa afectando ás cidades. "Pedimos facilidades para a creación de empresas, que poidan xerar emprego e riqueza. A rexeneración é posible. Que ninguén pense que este repenique de campás reivindicativo vai quedar aquí. Abonda xa de estereotipos e prexuízos arredor do rural. Chegou o tempo dos acordos, dos consensos e do apoio para os proxectos emprendedores, innovadores e creativos", di o manifesto.

Continúa o texto reivindicando que "a España baleirada e a Galicia baleirada precisan con urxencia un gran pacto político con ampla maioría. Compostela, a capital de Galicia, a aldea máis grande de Europa, pode e debe ser a vangarda deste movemento. FICRURAL nace para avanzar nesta dirección, cara un futuro onde outro rural é posible".

Repenique de campás
Despois do manifesto houbo un repenique de campás na igrexa da Gracia, para darlle a benvida ao FICRURAL. Comezou ás doce en punto e durou un minuto. Despois dos discurso de inauguración, celebrouse unha sesión oral de María da Pontragha; o concerto "Terra e alma", de Moisés Quintas; e a proxección de documentais históricos de Filmoteca Española e da Mediateca do Ministerio de Agricultura incluídos no proxecto multimedia Galicia na memoria. A inauguración rematou cunha visita guiada á exposición Anacos do Rural de Compostela e provincia, no propio CSC da Gracia.

Na inauguración do FICRURAL tamén estiveron presentes o concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel; a responsable de Urbanismo, Patrimonio e Acción Cultural, Mercedes Rosón; a portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín; e Cruz Vázquez, presidenta de FERUSA, a Federación de Asociacións do Rural de Compostela.

Direcciones relacionadas



Compartir: