MEDIO RURAL E PROMOCIÓN ECONÓMICA

Todo listo para o inicio do FICRURAL 2019

20/09/2019 Conscientes da necesidade dun cambio de modelo de desenvolvemento, que poida reverter a situación de crise do rural, o Foro Internacional da Economía e Cultura Rural (FICRURAL 2019) nace co obxectivo de ser un foro de intercambio e divulgación de experiencias e casos de éxito para impulsar este novo modelo innovador e creativo para o rural. A cita, organizada polo Concello de Santiago e a Deputación da Coruña, é do 22 ao 28 de setembro na Fundación Laboral da Construción e noutros espazos da cidade e do rural compostelán.

FICRURAL, tal e como aconteceu sempre nas feiras populares ao longo da historia, é un punto de encontro para favorecer a colaboración e o intercambio, o diálogo e a reflexión sobre o pasado, o presente e o futuro do rural, compartindo experiencias con actores públicos e privados, nacionais e internacionais, para crear unha rede colaborativa entre axentes e proxectos de emprendemento rural para a dinamización do rural de Compostela e comarca e dos concellos da provincia da Coruña e de Galicia.

O acto inaugural do FICRURAL 2019 terá lugar este domingo 22 de setembro, ás 11:30 horas, no Centro Sociocultural da Gracia. Será un evento popular e aberto ao público, no que se poderá gozar dunha sesión de narración oral a cargo de María da Pontragha, e da lectura do manifesto "A España baleira" por parte dun membro da Red de Periodistas Rurais de España.

Antes deste acto (9:30 h) e con motivo da celebración do Día Mundial en Coches, realizarase o roteiro guiado e de balde "Coñece o rural de Compostela", para ir a pé ata a inauguración no CSC da Gracia.

Despois do evento inaugural, ás 12:00 horas, desenvolverase a acción colectiva "Campás de Compostela", co toque simultáneo de todas as campás de Compostela, coordinado por Moisés Quintas. Será unha acción reivindicativa para chamar a atención sobre a crise global do mundo rural e a necesidade dun futuro innovador para o rural de Compostela e de toda Galicia.

A continuación (12:15 h), "Terra e alma", concerto multidisciplinar de Mosés Quintas no que se interrelacionarán as músicas e letras dos alalás, interpretados con distintos instrumentos populares e tradicionais de Galicia; as fotografías de Carlos Valcárcel, realizadas entre os anos 60-70 do século pasado; e os sons da Terra. Estes elementos iranse dando vida uns aos outros, creando unha ampla paisaxe visual e sonora, que transportará ao ouvinte a outra época e a outros lugares de Galicia.

Para as 13:00 horas queda a proxección de documentais históricos de Filmoteca Española e da Mediateca do Ministerio de Agricultura incluídos no proxecto multimedia Galicia na Memoria. E como remate desta primeira xornada, ás 13:30 horas, visita guiada e clausura da exposición Anacos do rural de Compostela e provincia da Coruña no propio CSC da Gracia.

En caso de choiva, saírá un autobús ás 11:30 horas dende a Fundación Laboral da Construción (rúa da Pontepedriña de Arriba, 13) para ir ata o Centro Sociocultural da Gracia.

Direcciones relacionadas



Compartir: