XUNTANZA

Reunión da comisión de coordinación de Concello e USC para abordar a humanización do Campus

19/09/2019 Esta tarde reuniuse no Pazo de Raxoi a comisión de coordinación Concello-Universidade. No encontro participaron os concelleiros de Urbanismo e Acción Cultural, Mercedes Rosón; de Relacións Institucionais e Turismo, Sindo Guinarte; de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños; e de Barrios e Obras, Javier Fernández. Por parte da USC estaba o xerente, Xabier Ferreira, e dous representantes universitarios.

Na xuntanza tratouse a humanización do Campus Vida, e acordáronse distintas actuacións inmediatas, como son a creación dunha senda segura que sexa debidamente iluminada e sinalizada; e a activación da conexión entre o Campus e a zona da avenida de Barcelona.

Tamén se informou da axilización dos traballos das comisións sectoriais para a definición do estado da titularidade das parcelas do Campus e a realización de obras e actuacións urxentes no propio Campus.

Outro asunto tratado foi o convenio entre a USC e o Concello de Santiago para o uso da Casa Elisa e Jimena e do edificio de Odontoloxía, que está en avanzado estado de negociación, e será aprobado en breve nos distintos órganos do Concello e da USC.

Compartir: