FACENDA

Aprobado definitivamente o orzamento municipal para o exercicio 2019

19/09/2019 Este xoves, o Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica o anuncio da aprobación definitiva do orzamento e do cadro de persoal para o exercicio 2019. Ao retirarse a única alegación presentada, xa poden entrar en vigor estas contas, por importe de 109.876.024,97 euros, ás que, sumadas as do Auditorio, Tussa e Incolsa, deixan un orzamento consolidado final de 113.229.022,02 euros.

O orzamento fora aprobado provisionalmente nun pleno extraordinario celebrado o pasado 9 de agosto. Nesa sesión, a concelleira de Economía e Facenda, Marta Abal, cualificou este orzamento como "técnico", destinado fundamentalmente a "atender necesidades derivadas de dereitos recoñecidos e de compromisos adquiridos polo anterior grupo de Goberno que non poden ser atendidas con cargo ao orzamento prorrogado de 2018". Cuantificou estas necesidades en 8,6 millóns de euros.

Entre as necesidades que cubre o orzamento aprobado citou os gastos de persoal, cuantificados en 2,4 millóns de euros, para atender as sentenzas de persoal, as contratacións temporais, as melloras retributivas derivadas das medidas urxentes en materia de retribucións do sector público, o aumento das cotizacións á Seguridade Social para a Policía Local ou as primas de xubilación e sentenzas. Tamén se inclúen 1,9 millóns de euros para gasto corrente en bens e servizos: licitación do proxecto EDUSI, coa revisión e actualización do Plan de Mobilidade Urbana Sostible; prórroga do contrato de xestión do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos e limpeza viaria; licitación do contrato do servizo de lacería, pagamento de facturas de gasto devengado no exercicio 2018; e pagamento das costas xudiciais a asumir polo Concello.

Outros gastos que se afrontarán son os máis de 273.000 euros de xuros a pagar en virtude de sentenzas ou algo máis de 254.000 euros para o aboamento do copago á Xunta das escolas infantís consorciadas e da cota nominativa da Rede Estatal de Entidades Locais pola Compostaxe Doméstica e Comunitaria.

Tamén significativo é o crédito de máis de 1,6 millóns de euros destinados investimentos reais: execución do contrato derivado do proceso de orzamentos participativos de 2018 de subministro de equipos e instalación en parques biosaludables no ámbito do medio rural da zona norte; licitación do proxecto técnico para a adecuación da instalación eléctrica da piscina e ximnasio de Santa Isabel; licitación dos contratos EDUSI relativos á subministración e implantación dunha rede de telecomunicacións e mobilidade e á subministración de postos de traballo informatizados para a solución da administración electrónica; licitación do contrato de subministro e remodelación dos elementos do parque infantil da praza de León en Pontepedriña; direccións de obra, de seguridade e saúde dos plans de control das obras e posibles liquidacións das obras incluídas no POS + 2019 e Plan Adicional; sentenzas e resolucións extraxudiciais, facturas de gasto devengado no exercicio 2018...

Ademais, o orzamento inclúe a consignación de máis de 2 millóns de euros de transferencias de capital para atender os compromisos de pago das anualidades 2019 do convenio coa Xunta para o financiamento da pasarela da intermodal e do convenio coa Axencia Galega de Infraestruturas para a mellora e integración paisaxística da entrada dos camiños de Santiago na cidade.

Prioridades
Tamén se acometerán acometeranse con cargo a este orzamento 2019 actuacións que o Goberno municipal considerou como prioritarias, como reparación e mantemento de centros socioculturais; redacción de proxectos de obra de reparación dos CSC de Vite, Fontiñas e Villestro; plan de conectividade de Lamas de Abade, plan de conectividade, vertebrador e de integración de Conxo; estudos económicos necesarios para regularización de prestacións sen cobertura contractual ou o Plan Estratéxico de Santiago de Compostela 2020-2030, entre outras.

Direcciones relacionadas



Compartir: