POLÍTICAS SOCIAIS E SAÚDE

A Corporación recibe a Bernardo Cortés tras realizar o Camiño en bicicleta nun reto solidario contra o cancro

18/09/2019 A concelleira de Políticas Sociais e Saúde, Mila Castro; e os portavoces de PP, Alejandro Sánchez-Brunete; de Compostela Aberta, Martiño Noriega; e do BNG, Goretti Sanmartín, recibiron na praza do Obradoiro a Bernardo Cortés, funcionario do Concello de Nerja, en Málaga. Acaba de percorrer o Camiño de Santiago en bicicleta, nun reto solidario co cal xa leva recadados 30.000 euros para a Asociación Española contra o Cancro (AECC).

Bernardo Cortés veu acompañado dun amigo, Francisco Bueno. Chegaron o domingo pasado a Compostela, despois de percorrer 1.389 quilómetros dos Camiños Mozárabe, da Ruta da Prata e do Camiño Sanabrés. A continuación emprenderon a ruta cara Muxía e Fisterra. E hoxe pola mañá chegaron de novo a Santiago.

Bernardo Cortés decidiu facer oC amiño no mes de xullo, unha vez recuperado dun cancro de colon diagnosticado en 2015. O reto consistiu en vender os quilómetros percorridos, buscar patrocinadores e publicidade e vender camisetas. Sinala que este reto solidario é unha pequena aportación pola axuda recibida durante a enfermidade.

Ao final do acto, Mila Castro entregoulle unha lámina cun debuxo do Pazo de Raxoi e unha dedicatoria na que lle daba a benvida a Compostela coa seguinte mensaxe: "É un pracer para o Concello de Santiago recibir a xente tan chea de vida coma vós".

Compartir: