a tribo

"A Tribo" busca modelos de equidade educativa para combater a desigualdade de oportunidades

18/09/2019 A concelleira de Educación, Noa Díaz, presentou en rolda de prensa a campaña A Tribo, unha intervención integral que pretende fortalecer as capacidades dos mozos e mozas en risco de exclusión, tanto dende o ámbito educativo como psicosocial. Baixo o lema "De maior quero ser coma ti", a campaña está promovida pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso), e o Instituto Galego de Xestión para o Terceiro Sector (Igaxes), coa colaboración da Obra Social "la Caixa".

Tal como explicou Noa Díaz, a campaña ten coma obxectivo "recordarlle ao alumnado, agora que comeza un novo curso, que os espera un mundo de oportunidades, e que ninguén pode ser excluído desas oportunidades. Que todos e todas deben sentirse valorados e que todos e todas teñen dereito a escoller libremente o seu futuro". A concelleira subliñou que "esta é unha tarefa da sociedade no seu conxunto, na que a comunidade educativa e as administracións públicas temos un papel importante, con medidas e políticas que aposten pola igualdade, con discursos inclusivos e con campañas de comunicación como a que hoxe presentamos".

Acompañou á concelleira na rolda de prensa Lorena Seijo, quen explicou que a campaña pretende "empoderar a estes rapaces e rapazas, darlles capacidades comunicativas e que estas lles sirvan para reflexionar sobre as problemáticas que están vivindo. Segundo explicou, trabállase cos mozos e mozas, pero tamén nos centros educativos aos que acoden diariamente e co resto de alumnos/as de clase, a través de novas narrativas dixitais. Mediante unha serie de obradoiros, "queremos que os seus compañeiros e compañeiras reflexionen sobre o punto de partida dos alumnos/as e sobre o feito de que o éxito educativo non depende só do esforzo do propio alumno/a, senón tamén do acompañamento na aula", indicou.

A iniciativa inclúe tamén unha campaña de comunicación, que busca "espallar estes mensaxes aos contextos nos que viven estes mozos e mozas", apuntou Lorena Seijo. Son cuñas radiofónicas, cartelería e outro material promocional enfocado a que "A Tribo sensibilice con todas estas problemáticas, reflexione sobre o concepto de equidade e se conciencie de que non se poden dar as mesmas solución a problemáticas distintas".

Romper estigmas
Ao concepto de equidade tamén se referiu Carlos Rosón, director de Igaxes, afirmando que os/as mozas protagonistas da campaña "queren igualdade de oportunidades". Trátase, dixo, de "darlles voz" e de "romper estigmas". Ademais, puxo esta campaña como o mellor exemplo de "traballo en rede", nunha acción social na que "todos poñemos o mellor de nós mesmos".

Outro dos participantes na rolda de prensa foi Anxo Pérez, responsable de comunicación en Galicia de "la Caixa", quen destacou que este proxecto "se vale da comunicación como ferramenta de cambio".

En Raxoi tamén estiveron Pablo Carbarcos e Ismael García, dous dos 22 rapazas e rapaces de entre 14 e 23 anos en situación de vulnerabilidade social que protagonizan a campaña. Elas e eles quixeron amosar a realidade da xuventude que non amosan os filmes, e fixérono a través de tres curtas que reflicten as súas personalidades, que son diferentes, pero que teñen cousas en común, como a súa vontade de encaixar nun grupo, as consecuencias das malas decisións ou a responsabilidade que ten o resto da sociedade na solución dos conflitos que lles afectan.

Direccións relacionadas



Compartir: