CENTROS SOCIOCULTURAIS

En marcha as aulas de lectura e de xogos dos centros socioculturais

17/09/2019 O concelleiro de Centros Socioculturais, Javier Fernández, presentou a programación trimestral das aulas de lectura e de xogos dos centros socioculturais. Despois dun tempo sen ela, estes espazos (os máis nos CSC) volven ter unha programación específica, con numerosas actividades para todas as idades.

"Construír e xogar" é o lema das aulas de xogo dos centros socioculturais, que pretenden neste trimestre que os nenos e nenas aprendan a facer xogos de mans, sensoriais, de sons, etc., e que constrúan xoguetes para compartir, promovendo a creatividade e o respecto ao medio ambiente. Moitos destes xogos terán que ver con datas específicas coma o Samaín, o Nadal ou o Día Internacional dos Dereitos da Infancia.

Tamén deu conta o concelleiro da programación das aulas de lectura, que neste trimestre terán un inicio moi especial, cunha visita á Casa Museo de Emilia Pardo Bazán na Coruña, aproveitando a conmemoración do nacemento da escritora (16 de setembro de 1951). Esta visita é de balde e está aberto o prazo para apuntarse no Centro Sociocultural das Fontiñas.

No programa destas aulas de lectura tamén se tiveron en conta datas significativas, coma o Día Internacional da Tradución, con varios obradoiros sobre o tema; o Día Mundial das Bibliotecas, cunha visita ao Gaiás; ou o Día Mundial contra a Violencia de Xénero, participando nas actividades con motivo desta conmemoración.

Haberá actividades tanto para nenos e nenas como para adultos, como creación de libros dixitais, conversas, etc. Ademais, cómpre lembrar que está aberta a inscrición nos 11 clubs de lectura, que están vinculados ás bibliotecas.

A maiores destas especificidades en canto a datas significativas, cada aula de xogo e de lectura ten as súas temáticas específicas, atendendo ás preferencias dos propios usuarios e usuarias, tal como lembrou a técnica municipal Guadalupe Rodríguez. Tamén destacou o aspecto socializador destas aulas, nas que os/as máis novos/as terminan atraendo a pais e nais, converténdoos tamén en usuarios/as destes espazos e dos propios centros socioculturais.

Encontro de xadrez
Javier Fernández aproveitou a rolda de prensa para presentar outra actividade, un Encontro de Xadrez que se celebrará este vindeiro sábado, a partir das 11:00 horas, no Centro Sociocultural de Santa Marta. É un evento aberto a todas as idades, no que ademais de xogar ao xadrez se poderá compartir un café.
Tamén participaron na rolda de prensa dúas das responsables das Aulas de Xogo e Lectura: Yovana Quintana e Matilde Pérez.

Compartir: