CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia celebra a vindeira semana un ciclo de concertos gratuítos en barrios da cidade

13/09/2019 A Real Filharmonía de Galicia ten entre as súas prioridades achegar a orquestra e a música clásica a toda a cidadanía. Así, ao longo desta temporada están previstas unha serie de actuacións na rúa e noutros espazos diferentes á sede da orquestra, o Auditorio de Galicia. Nesta liña, a RFG inicia a vindeira semana un ciclo de concertos gratuítos en barrios emblemáticos da cidade compostelá, baixo a batuta do seu director titular e artístico, o mestre Paul Daniel.

Ao longo da semana celebraranse un total de tres concertos, que terán lugar o mércores 18 no Centro Sociocultural de Fontiñas, o xoves 19 no Centro Sociocultural de Vite e o venres 20 na igrexa de Santa María de Conxo. Cada unha destas citas musicais comezará ás 19:00 horas.

Obras moi populares para todos os públicos
A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá ao público unha selección de obras clásicas moi populares, entre elas a Chanson de matin (Canción da mañá) do compositor británico Edward Elgar (1857-1934), unha peza de grande atractivo melódico.

O público poderá gozar ademais con varios fragmentos da Sinfonía nº 2 de Beethoven (1770-1827), escrita cando o compositor comezou a experimentar os primeiros síntomas da súa xordeira. Trátase dunha obra moi enérxica, repleta de beleza e vitalidade, o que contrasta co momento persoal que estaba a sufrir o autor.

A orquestra achegará tamén aos asistentes unha selección da Sinfonía nº 1 do compositor francés Georges Bizet (1838-1875). Escribiuna en tan só un mes, aos seus dezasete anos. A peza non se executou en vida do autor, xa que a concibira como unha simple tarefa estudantil. Pero, unha vez descuberta, converteuse rapidamente en parte do repertorio romántico habitual.

Nova temporada: "En movemento"
Este ciclo de concertos nos barrios é o preludio da nova temporada 2019-2020 da Real Filharmonía de Galicia, que, baixo o título "En movemento", arrancará o vindeiro 26 de setembro baixo a batuta da directora portuguesa Joana Carneiro. En outubro, a RFG ofrecerá un programa de zarzuela, en novembro estrearase a ópera A amnesia de Clío, do compositor galego Fernando Buide, e unha gala lírica pechará a temporada en maio.

No marco do Festival Cineuropa, a orquestra porá a banda sonora ao filme mudo A caída da casa de Usher (1928), de Jean Epstein, con música de José Mª Sánchez-Verdú, que se estreará por primeira vez en España. Ao longo da temporada, a RFG realizará varias estreas, mantendo así o seu compromiso coa creación contemporánea e o apoio a novos compositores galegos, nacionais e internacionais.

A Real Filharmonía de Galicia conmemorará o Ano Beethoven en 2020, coincidindo co 250 aniversario do nacemento do xenial compositor. En marzo realizará unha xira internacional por Austria, con 4 concertos nas cidades de Salzburgo e Bregenz. Ademais, a orquestra continuará coas súas propostas didácticas, concertos familiares e solidarios, xunto ás actuacións noutras cidades galegas.

Durante esta temporada compartirán escenario coa RFG destacados solistas internacionais como Steven Isserlis, Claire Huangci, Pacho Flores, Sofya Melikyan, Dmytro Choni ou Ellinor D´Melon, entre outros.

Compartir: