MOBILIDADE

O Concello celebra a Semana Europea da Mobilidade con pedaladas, actividades para os/as cativos/as e unha mostra de vehículos sostibles

12/09/2019 Santiago de Compostela sumarase un ano máis á Semana Europea da Mobilidade, que se celebra do 16 ao 22 de setembro. O Concello, coa colaboración de colectivos como Composcleta ou establecementos como Decathlon, organiza varias actividades para concienciar á cidadanía dos beneficios dos modos de desprazamento sostibles. Haberá unha xornada dedicada á bicicleta, actividades con varios centros escolares e unha exposición sobre vehículos non contaminantes.

O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, presentou as actividades da Semana da Mobilidade, que pretenden "facer fincapé na busca de modos de desprazamento sostibles e respectuosos co medio ambiente, buscando a redución de gases contaminantes e mellorando a calidade do aire que respiramos". "Camiña con nós!" é o lema desta edición, na que se implicaron varios departamentos municipais e outros colectivos que "traballan pola calidade da nosa mobilidade".

Día da Bicicleta
A Semana da Mobilidade rematará o domingo 22 de setembro cunha xornada dedicada á bicicleta, que se celebrará na Alameda a partir das 10:00 horas. A esa hora comezarán as inscricións e o reparto de camisetas, e realizarase unha xincana e xogos para nenos/as e unha demostración de bicicletas. Ás 11:00 horas haberá unha batucada e, unha hora despois, arrincará a pedalada pola cidade, con dous percorridos, un de 4 e outro de 7 quilómetros, para que toda a veciñanza poida participar. A xornada pecharase co sorteo e entrega de agasallos aos/ás participantes.

Xaime Cortizo, da asociación Composcleta, foi o encargado de detallar o programa desta xornada e tamén de dar conta dun programa radiofónico en Onda Cero que o día 16 xuntará a representantes municipais e doutros colectivos para falar de como "lograr unha cidade máis sostible, máis humana e máis habitable.

Actividades escolares
Tamén participaron na rolda de prensa, José Antonio Pena e Carlos González Rendo, da Policía Local, departamento que organizará durante a Semana unha serie de actividades para centros escolares, nas que participarán uns 175 nenos e nenas de 6º de Primaria dos colexios López Ferreiro, Pío XII, Raíña Fabiola e Vite. Os días 18, 19 e 20, os/as escolares irán andando dende o seu centro ás instalacións da Policía Local, onde se lles ofrecerá unha charla sobre mobilidade sostible e seguro. Logo, nun circuíto para bicicletas disposto no Obradoiro, participarán nunha xincana. Ás 13:00 horas regresarán de novo andando aos colexios.

O axente da Policía Local aproveitou a comparecencia para dar conta do funcionamento do Colecamiños, no que na actualidade participan uns 200 rapaces e rapazas dos colexios Raíña Fabiola, Pío XII e Ramón Cabanillas. Nestes momentos estase estudando a posibilidade de ampliar o programa ao CEIP de Vite.

Exposición na Alameda
O programa desta Semana da Mobilidade completarase o xoves 19 cunha exposición na Alameda de vehículos a gas natural comprimido, organizada pola empresa Nedgia. A mostra, tal como indicou o xerente de Tussa, José Ramón Mosquera, "está dirixida fundamentalmente a profesionais do sector do transporte, como taxis, autoescolas ou empresas de reparto".

Compartir: