ALCALDÍA

O alcalde recibiu unha delegación do Colexio Oficial de Químicos de Galicia

09/09/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, recibiu este luns no Pazo de Raxoi unha delegación do Colexio Oficial de Químicos de Galicia (Colquiga), encabezada polo seu decano-presidente, Manuel Rodríguez Méndez. Este informou ao rexedor dos detalles do XXV Encontro Galego-Portugués de Química, ao que acudirá o Nobel Tomas Lindhal.

O decano de Colquiga deu conta ao alcalde do programa de actividades do Colexio previsto para o que resta de ano. Así, o ente organiza o I Congreso Didáctica da Química, que se celebrará no CIFP Politécnico de Santiago de Compostela os próximos 4 e 5 de outubro. Rodríguez Méndez tamén informou a Xosé Sánchez Bugallo que o profesor Tomas Lindhal, premio Nobel de Química en 2015, acudirá en novembro ao XXV Encontro Galego Portugués de Química, que se celebrará na Cidade da Cultura. Lindhal, que mereceu o Nobel de 2015 por describir e explicar como as células reparan o ADN salvagardando a información xenética, participará na 25 edición deste congreso, que comezou a súa andaina en 1985 tamén en Compostela.

O Colexio Oficial de Químicos de Galicia ten a súa sede en Compostela dende xuño do pasado ano. O día 29 dese mesmo mes a xunta directiva de Colquiga celebrou a súa primeira reunión nas novas instalacións en Área Central (1ª planta, local 31-E).

Sobre este cambio, Manuel Rodríguez explicoulle ao alcalde que este cambio de Vigo a Santiago obedeceu a que "os colexiados demandaban un lugar máis céntrico, dende o punto de vista xeográfico, para situar a nosa sede. Querían que o colexio estivese máis próximo dos colexiados e que estes, á súa vez, estivesen máis preto do Colexio".

Outra das razóns de elixir Santiago responde á proximidade das institucións. "O Colexio é unha entidade de Dereito Público, conforme a Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre Colexios Profesionais; e por tanto tamén hai unha necesidade de estar preto do Poder Executivo e do Poder Lexislativo de Galicia e das demais institucións que teñen a súa sede na capital galega", explicou o decano.

O Colexio Oficial de Químicos de Galicia constituíuse en Xunta Xeral o 20 de abril de 1952. Ao finalizar 1952, o Colexio Oficial de Químicos de Galicia contaba con 77 colexiados e colexiados. Hoxe achégase aos 600 colexiados e colexiadas, incluídos activos e xubilados.

Máis reunións
A deste luns foi unha tarde de xuntanzas do alcalde en Raxoi, onde tamén recibiu o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández, e parte da directiva da entidade. Ademais, mantivo un encontro co director da Zona Norte de Telefónica, Francisco José Zorrilla.

Compartir: