CONSORCIO

A Escola de Altos Estudos Musicais realizará novas probas este mes para cubrir varias prazas do Curso Avanzado de Especialización Orquestral

06/09/2019 O Curso Avanzado de Especialización Orquestral impártese na Escola de Altos Estudos Musicais, en Santiago, e está recoñecido como título propio de posgrao pola Universidade de Santiago de Compostela. Diríxese a músicos/as instrumentistas con titulación superior que teñan como meta adquirir a formación e a experiencia necesarias para integrarse nunha orquestra profesional.

A principios de xullo realizáronse as probas de selección para acceder a algunha das 18 prazas ofertadas para o novo curso 2018-2019 nas diferentes especialidades: 6 para violín, 2 para viola, 2 para violoncello e 1 para as especialidades de contrabaixo, óboe, frauta, clarinete, fagot, trompa, trompeta e percusión. Quedaron vacantes catro prazas de violín e unha de viola, trompa e trompeta.

O curso, que xa celebra a súa oitava edición, dura un ano académico, dende o 1 de outubro de 2019 ata o 30 de xuño de 2020. As solicitudes para inscribirse nesta convocatoria extraordinaria deberán presentarse ata o 12 de setembro a través da páxina web da Escola: www.eaem.es.

Diante dun xurado
O 20 de setembro realizaranse unhas probas extraordinarias co propósito de cubrir as especialidades que quedaron desertas. Terán lugar na sede da Escola e consistirán nunha audición na que os/as candidatos/as deberán amosar as súas habilidades técnico-interpretativas diante dun xurado.

Este curso de posgrao ofrece aos/ás futuros/as músicos/as a oportunidade de formarse coa Real Filharmonía de Galicia, xa que os/as mestres/as da Escola son integrantes da RFG. E cada alumno/a participa nun mínimo de sete concertos coa orquestra. Ademais, tocan en concertos públicos dentro da programación "A Escola na cidade".

Compartir: