ALCALDÍA E MEDIO RURAL

O FICRURAL converterá Santiago na capital da economía e da cultura rural do 22 ao 28 de setembro

04/09/2019 Santiago de Compostela converterase na capital da economía e da cultura rural e alternativa de Galicia grazas á celebración do I Foro Internacional da Economía e Cultura Rural (FICRURAL). A cita é do 22 ao 28 de setembro na Fundación Laboral da Construción e noutros espazos da cidade e do rural compostelán, onde se desenvolverán outras actividades ao longo do mes de setembro. FICRURAL está organizado polo Concello de Santiago e a Deputación da Coruña.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presentou o FICRURAL e destacou a idoneidade como sede deste evento de Compostela, por ser "unha cidade moi rural, que conta cuns 180 quilómetros cadrados de rural, 21 parroquias e 16.000 habitantes neste ámbito. Ademais, expresou a necesidade de "por en valor o rural" e de considerar este como "espazo de futuro e desenvolvemento de Galicia".

Tamén a esta aposta por "recuperar o potencial que ten o noso rural" se referiu o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, quen valorou o FICRURAL como unha oportunidade para mostrar "a capacidade e talento que temos no rural galego". "É necesario dar a coñecer esa realidade, coñecernos e autoconvencernos da capacidade do rural para desenvolver economicamente e socialmente o país", dixo.

Pola súa parte, o concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, falou do FICRURAL como unha ocasión para "chamar a atención sobre as necesidades, problemas e posibilidades de futuro do rural en Compostela e Galicia". Salientou o seu carácter "multidisciplinar", con cine, xogos e lecer saudable en contornas rurais, e con actividades na rede de centros socioculturais do rural compostelán e nos parques e xardíns da cidade.

Finalmente o organizador do Foro, Aser Álvarez, cualificou o FICRURAL, como un "evento moi necesario", porque "están acontecendo cousas moi interesantes no rural de Galicia". Do mesmo, xeito, reiterou a importancia do evento como "foro de intercambio e cooperación" e para constatar que o rural é "un lugar para vivir e producir". Álvarez foi o encargado de detallar a programación e tamén de anunciar unha das sorpresas do Foro, a presencia no programa lúdico dos Inmaculate Fools.

Promoción da economía rural
O Foro Internacional da Economía e da Cultural Rural ten como obxectivo a recuperación, divulgación e dinamización económica do patrimonio material e inmaterial do rural de Compostela, da comarca e da provincia da Coruña, convertendo Santiago nun referente nacional e internacional na promoción da actividade económica rural e da súa simbiose cos espazos urbanos. Este conxunto de actividades busca:

• Mellorar o coñecemento da nosa cultura e identidade, dinamizar os recursos endóxenos do espazo rural e favorecer o diálogo intercultural entre os espazos rurais e os urbanos.

• Incorporar sempre á cultura rural a perspectiva do emprendemento e do empoderamento do rural con proxectos produtivos, innovadores e colaborativos.

• Apostar pola celebración en Compostela de eventos relacionados coa economía e a cultura rural e a súa valorización como recurso económico. Exemplo destes eventos son o Festival de Cine Internacional Carlos Velo ou os Encontros Ibéricos de Cinema Rural, consolidando a aposta da cidade como mercado e espazo de promoción de contidos audiovisuais relacionados coa cultura e historia do rural.

O Foro Internacional da Economía e Cultura Rural ten tres eixos centrais de actividades:

FICRURAL VISIÓN: Pretende mellorar o coñecemento da nosa cultura e identidade, así como crear un arquivo de recursos audiovisuais para a recuperación da memoria rural e favorecer o diálogo intercultural entre os espazos rurais e os urbanos. Así, desenvolverase a quinta edición do Festival de Cine Carlos Velo, ao que se presentaron xa máis de 200 traballos, e realizaranse actividades como obradoiros de cine, encontros ou xincanas fotográficas aproveitando recursos cotiás como os móbiles e as redes sociais.

FICRURAL FEIRA: Un espazo de encontro para favorecer o intercambio, o diálogo e a reflexión con actores públicos e privados, nacionais e internacionais, xerando unha rede de contactos e colaboración entre axentes de proxectos de emprendemento rural e de dinamización dos recursos endóxenos de Compostela e da provincia da Coruña.

FICRURAL XOGO: Un espazo de ocio alternativo, onde poder gozar do xogo tradicional, á vez que se desenvolven habilidades e destrezas manuais, cognitivas e a capacidade imaxinativa, a través de xogos de precisión, de lanzamento, de habilidade, de enxeño e de cooperación.

Programa
O FICRURAL arrincará o domingo 22 co pregón no CSC da Gracia, continuando as actividades de luns a mércores en diferentes espazos de Compostela. Será a partir do xoves 26 e ata o sábado 28 cando se celebre o I Foro Internacional da Economía e Cultura Rural na Fundación Laboral da Construción. Durante este tres días terán lugar as actividades principais do FIC, con proxeccións, feira, coloquios e debates, a V edición do Festival de Cinema Rural Carlos Velo e o espazo para o lecer, con concertos e sesión vermú.

Como adianto, nas fins de semana do 14 e 15 e 21 e 22 de setembro, desenvolverase o programa Coñece o rural, unha serie de andainas a pé e paseos en bicicleta para coñecer as parroquias do rural de Compostela. A participación é de balde e para todos os públicos, como en todas as actividades deste FICRURAL.

Compostela Móvese
O Foro enmárcase no programa municipal Compostela Móvese, que integra dende o ano 2015 todas as accións da Oficina de Promoción Económica relacionadas co desenvolvemento económico, o apoio á cultura emprendedora e a creación de novas empresas. Dende a súa creación en 2004, a Oficina de Promoción Económica apoia a creación de empresas e o autoemprego a través de programas de formación, dinamización da actividade económica, encontro comercial e axudas.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: