CENTROS SOCIOCULTURAIS

Aberta a partir do 6 de setembro a preinscrición nas actividades dos centros socioculturais para o último trimestre do ano

03/09/2019 O concelleiro de Centros Socioculturais, Javier Fernández, presentou a programación da rede de centros socioculturais para o último trimestre do ano. Dende este martes xa se pode consultar na web municipal e nos propios centros socioculturais a programación das nove zonas de traballo e o procedemento de preinscrición, que se pode facer tanto online como achegándose aos centros correspondentes. Acompañaron ao concelleiro na rolda de prensa o responsable do Departamento de Centros Socioculturais, Enrique Vázquez, e as dúas técnicas responsables da programación, Guadalupe Rodríguez e Lourdes de la Cruz.

O prazo de preinscrición nas actividades con límite de praza e pagamento estará aberto do 6 ao 17 de setembro. Se houbera máis peticións que prazas, realizarase un sorteo en cada centro o 19, e do 23 ao 28 formalizarase o pagamento. A maior parte das actividades comezarán na primeira semana de outubro.

En canto á programación, o concelleiro destacou varias novidades. Así, no eido dos programas vencellados ás artes escénicas, artísticas e culturais, subliñou un novo programa en torno ao folclore e á cultura popular, que se vai desenvolver en varios centros, especialmente no rural, en parroquias como Laraño, Bando, Aríns e Carballal, con grupos de baile e de pandereteiras para nenos e adultos.

Tamén salientou o proxecto de teatro comunitario, no que participan 15 grupos de teatro afeccionado dos centros, que ao remate de curso exhibirán o traballo realizado no Teatro Principal. Isto complétase cos espectáculos da Rede Cultural da Deputación da Coruña, agrupados baixo o título do programa Asómate ás artes 2019, e outros espectáculos diversos, comezando polos concertos que a Real Filharmonía de Galicia ofrecerá nos centros de Fontiñas e Vite os días 18 e 19 de setembro.

Outro dos programas máis populares é o do xadrez, que se seguirá potenciando, ao igual que os programas de saúde, as tardes de baile, as charlas divulgativas, o programa Descarbonízate, que non é pouco, os programas de educación en familia, o programa de excursións, as actividades das bibliotecas e clubs de lectura e dos espazos de xogo, actividades relacionadas coas novas tecnoloxías, etc.

Neste último trimestre do ano hai tamén citas tradicionais como a Semana Cultural de Conxo, ou un programa titulado Do barrio á casa, que se desenvolverá no Centro Sociocultural de Vite. Tampouco faltarán as actividades específicas relacionadas coa época do outono, coma o programa 12 doces de outono, ou as relacionadas co Nadal. Algúns destes programas específicos iranse presentando nas vindeiras semanas.

Javier Fernández rematou a súa intervención agradecendo "o traballo non só dos traballadores e traballadoras dos centros, senón tamén das asociacións veciñais, culturais e outras entidades que colaboran coas actividades organizadas polo Departamento ou coas súas propias, que complementan a oferta sociocultural".

Compartir: