ACCIÓN CULTURAL

Curtocircuíto acollerá a preestrea de "O que arde", de Oliver Laxe

22/08/2019 A próxima edición de Curtocircuíto, que se celebrará entre o 28 de setembro e o 6 de outubro, acollerá a preestrea galega de O que arde, o último e premiado filme de Oliver Laxe. Esta sesión especial terá lugar o martes 1 de outubro, ás 22:30 horas, no Teatro Principal, e contará coa presenza do cineasta e de Amador Arias e Benedicta Sánchez, protagonistas do filme.

O pasado mes de maio, Oliver Laxe fixo historia ao converterse no primeiro cineasta español xunto a Víctor Erice en ser seleccionado en Cannes coas súas tres primeiras obras e o único en ser premiado en todas as súas participacións. No certame, O que arde fíxose co Premio do Xurado da Sección Oficial – Un Certain Regard de Cannes e o Premio á Mellor Creación Sonora da sección. O filme, que vén de converterse nun dos catro españois seleccionados nos Premios do Cinema Europeo, terá a súa estrea estatal no Festival de San Sebastián no mes de setembro. Ademais nos próximos meses competirá nalgúns dos festivais internacionais máis prestixiosos do circuíto como os de Toronto ou Nova York, antes de chegar ás salas comerciais o próximo 11 de outubro da man de Numax Distribución.

Curtocircuíto continuará nesta edición coa súa aposta firme polo audiovisual galego. Nas próximas semanas faranse públicos os contidos de seccións xa habituais como Planeta GZ, sección competitiva que reflicte ano a ano riqueza e variedade do cinema galego actual; Terra, dedicada a artistas de Galicia cunha obra consistente e personal; Supernova, na que se amosan os primeiros traballos de creadores e creadoras que non teñen fácil acceso aos espazos de difusión; e unha prometedora sesión especial en colaboración co Cineclub de Compostela.

O Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela está organizado polo Concello de Santiago e financiado, entre outros, pola Deputación da Coruña, a AGADIC e o ICAA.

Direccións relacionadas



Compartir: