XUNTA DE GOBERNO

Ampliado o Programa de Conciliación de Verán aos días 9 e 10 de setembro

12/08/2019 A Xunta de Goberno Local aprobou este venres a ampliación do Programa Municipal de Conciliación "Escolas de Verán 2019" aos días 9 e 10 de setembro, polo que se modifica o contrato subscrito coa empresa encargada da prestación do servizo. Este cambio obedece á fixación pola Xunta do día 11 de setembro como data de inicio do curso 2019-2020 para o 2º Ciclo de Educación Infantil, Primara e Especial.

Despois da celebración na última semana de xuño e durante o mes de xullo, estaba previsto que o Programa de Conciliación funcionase tamén os días 2, 3, 4 5 e 6 de setembro. Agora esténdese esta quenda de setembro aos días 9 e 10, tanto no CEIP Vite I como no CEIP Monte dos Postes.

O prazo de inscrición e matrícula estará aberto entre o 19 e o 30 de agosto de 2019 (ambos os dous incluídos). Para participar no programa, as familias interesadas terán que cubrir o impreso de matrícula e entregalo no Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa Presidente Salvador Allende, 4). Durante o mes de agosto permanecerá pechado o Rexistro Auxiliar do Ensanche.

O Programa Municipal de Conciliación Escolas de Verán está dirixido a nenos e nenas que cursan estudos en centros de educación infantil e primaria, entre o 2º Ciclo de Educación Infantil e o 3º Ciclo de Educación Primaria de Santiago (ambos os dous inclusive). O horario máximo é de 7:45 a 16:00 horas. Hai un servizo de madrugadores (aula matinal) con almorzo de 7:45 a 9:00 horas, mentres que os obradoiros e actividades desenvólvense de 9:00 a 14:00 horas. A continuación, existe a opción de facer uso do servizo de comedor de 14:00 a 16:00 horas.

Os obxectivos do programa de conciliación pasan por promover actividades que favorezan a diversión, creando un ambiente lúdico; desenvolver a autonomía persoal no día a día; dar a coñecer diferentes actividades de lecer e tempo libre, promover actividades que favorezan o traballo en equipo e a creatividade; e coñecer o entorno que nos rodea.

SMARTIAGO
O Goberno local tamén aprobou o texto do convenio a subscribir pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o Concello de Santiago de Compostela para o cofinanciamento da fase I+D do proxecto de Compra Pública Innovadora SMARTIAGO. A Axencia autonómica achegará 618.000 euros, a repartir entre as anualidades 2019 (100.000), 2020 (210.000) e 2021 (308.000).

Direccións relacionadas



Compartir: