ACCIÓN CULTURAL

"Y ahora qué?", da compañía Punto Cero, na Quintana

07/08/2019 Chega a Compostela o espectáculo circense Y ahora qué?, da compañía Punto Cero, que levou o premio do público no Festival Artescena 2017. Será este xoves, ás 19:30 horas, na praza da Quintana. En caso de choiva, a actuación será no Teatro Principal. Entrada de balde e para todos os públicos.

Puntocero é unha compañía formada en Gran Bretaña polos madrileños Zenaida Alcalde e Miguel Muñoz, que recentemente foron parte da rodaxe da nova película de Disney Dumbo, dirixida Tim Burton.

Y ahora qué? fálanos de Paula, de volátil personalidade; Susana, cuadriculada ata a loucura; e Eva, desesperada por ter un bebé. As tres conviven con Magda, unha pintora de maior idade cuxa experiencia lles serve de grande utilidade. Con esta mestura, todo pode pasar neste espectáculo duns 55 minutos.

Humor surrealista, un toque poético e esperanzador, un trapecio, pintura en directo e impresionantes e belas coreografías nunha fachada de finas cordas de algodón serán os ingredientes desta emocionante peza que recibiu o premio do público no Festival Artescena 2017, en Ávila.

Compartir: