ALCALDÍA

Recepción aos/ás participantes nos Cursos Universitarios Internacionais "Música en Compostela"

05/08/2019 O alcalde en funcións, Sindo Guinarte, recibiu hoxe a 120 músicos/as procedentes de 11 países, que participan na edición número 62 dos Cursos Universitarios Internacionais "Música en Compostela". Estivo acompañado pola concelleira de Educación, Noa Díaz, e polos edís José Antonio Constenla, do PP; e Goretti Sanmartín e Navia Rivas, do BNG.

Durante a recepción, Sindo Guinarte sinalou que "para unha cidade como Santiago, que se asocie o seu nome á música, unha das manifestacións máis universais da cultura, é extraordinariamente positivo. E é algo que a cidade ten que agradecer a Música en Compostela, dixo. O alcalde en funcións pediulle aos/ás participantes ser "transmisores dos valores desta cidade, unha cidade de acollida, amable, aberta, que transmite patrimonio e cultura".

A presidenta de "Música en Compostela", María Dobarro, destacou a importancia dunha actividade impulsada en 1958 polo mestre Andrés Segovia, e que seis décadas despois, "segue coa mesma forza e filosofía intacta: informar, interpretar e axudar a cultivar a nosa música".

A presente edición de "Música en Compostela" comezou o 28 de xullo e rematará o 10 de agosto. Entre as actividades previstas para os vindeiros días figura un concerto da Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave, no que actuará como solista o profesor Josep María Colom. Será no Auditorio de Galicia, con entrada libre, o 8 de agosto, ás 20:30 horas.

Compartir: