EDUCACIÓN

Recepción a 120 rapaces e rapazas do campamento urbano do Centro Don Bosco

01/08/2019 A concelleira de Educación e Mocidade, Noa Díaz, e outros integrantes da Corporación recibiron 120 nenos e nenas que participan no campamento urbano do Centro Xuvenil Don Bosco. O obxectivo destes campamentos, que este ano alcanzan a súa 33 edición, é xogar cos espazos de Compostela, coa cidade como elemento de goce e tempo libre dende un punto de vista didáctico.

Os campamentos urbanos do Centro Xuvenil Don Bosco, cos que colaboran as concellarías de Mocidade e de Políticas Sociais, son de balde. Nesta edición hai 170 menores inscritos/as, de entre 8 e 17 anos. As actividades desenvólvense en horario de mañá e tarde, entre o 1 e o 14 de agosto.

Este ano, a temática sobre a que xiran é o talento. Hoxe era o día da palabra, e os rapaces e rapazas escribiron nun papel distintas palabras sobre o que lles suxería a Casa do Concello, que logo amosaron aos representantes dos distintos grupos municipais. Entre elas "divertido", "bonito", "chuvioso", "arte cultural" ou "guai".

Ademais de Noa Díaz, participaron na recepción o concelleiro de Centros Socioculturais, Javier Fernández; a edil popular Ana Belén Sabel; o portavoz de Compostela Aberta, Martiño Noriega; e a voceira do BNG, Goretti Sanmartín.

Compartir: