ACCIÓN CULTURAL

O Feito a Man regresa do 1 ao 21 de agosto con case 50 propostas artísticas

31/07/2019 Case 50 espectáculos e máis de 35 bandas e/ou artistas volverán encher as rúas e prazas da Cidade Vella compostelá. Comeza mañá a décimo sexta edición do Feito a Man Estrella Galicia, o festival de rúa organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella co apoio do Concello de Santiago, que terá lugar do 1 ao 21 de agosto.

O programa foi presentado esta mañá na praza da Quintana, coa presenza de Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural; Mercedes Rosón; Ánxeles Porto, por parte da organización (Asociación Cultural Cidade Vella); o responsable de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto; e o representante de Estrella Galicia, Guillermo Fernández.

Polo Feito a Man deste ano pasarán case 50 propostas artísticas diferentes de diversos estilos musicais: pop, rock, blues, jazz, tango, swing, música tradicional galega… E tamén haberá presenza doutras artes e disciplinas, como a maxia, a performance, a poesía, o baile ou o cabaré.

Como vén sendo habitual, o groso do festival recae nos concertos de pequeno formato realizados nas terrazas dos establecementos organizadores, mais tamén haberá lugar para noites con artistas de maior formato. Así, á parte de rúas como a vía Sacra, a rúa da Orfas, a praza de Feixóo, Tras San Fiz de Solovio ou a rúa de Xelmírez, tamén haberá actuacións nas prazas de Mazarelos, San Martiño Pinario ou Cervantes.

Bandas locais e internacionais
Nestes 21 días de programación continuada, con dous ou tres concertos diarios en diferentes puntos da cidade, poderemos ver concertos de moitos xéneros musicais e tamén de distintas procedencias.

Tal e como é sinal de identidade dende o comezo da propia existencia deste festival, continúa a promover a escena local cunha programación na que se prima o talento de proximidade. Así, poderemos escoitar bandas como Putan Club, Vudú, Blanca Cendán e Suso Alonso, Leo Burke, Manuel Gutiérrez, Pilo Sierra, The Spoonfuls e moitos outros.

Alén disto, outro dos obxectivos do festival é a descuberta de novos talentos chegados de fóra. Por iso, tamén poderemos ver bandas internacionais como os xaponeses Harmonica Creams, o mozambicano Mohammed Yahya, os arxentinos Ecos e Sofía Viola, os colombianos-guineanos La Rueda, os mexicanos Lariferpol, o brasileiro Arthus Fochi, os suecos The Bongo Club ou a Clarence Bekker Band, desde Surinam.

Direcciones relacionadas



Compartir: