ALCALDÍA

O alumnado do obradoiro CREAS ultima o acondicionamento dunha parcela municipal no polígono do Tambre

30/07/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, realizou este martes unha visita ao alumnado do obradoiro de emprego CREAS, e coñeceu a evolución dos traballos de urbanización e mellora medioambiental no polígono do Tambre que están realizando.

A intervención consistiu na construción de 967 metros cadrados de beirarrúas (310 metros lineais por 3,12 de ancho), incluíndo instalación de conducións eléctricas para farois e as súas bases, pases de auga, pluviais e sanitarias e pases de tubos eléctricos. Tamén se axardinaron 1.500 metros cadrados, coa instalación de sistema rego, a plantación de 26 bétulas e 700 arbustivas e o apeo de 60 eucaliptos e acacias, xunto coa roza de 5 hectáreas de terreo. Estes traballos realizáronse nunha parcela de titularidade municipal, fronte á sede da Asociación de Empresarios do Tambre.

O obradoiro
O obradoiro de emprego dual CREAS permitiu realizar tres intervencións: "Repoboación forestal e melloras silvícolas en Pedra Castro", "Apertura e mantemento de vías forestais" e "Traballos de urbanización e mellora medioambiental no Polígono do Tambre". O obradoiro tiña unha duración de nove meses (ata o vindeiro 8 de agosto) e dúas especialidades formativas: "Repoboación forestal e tratamentos silvícolas" e "Pavimento e albanelería de urbanización".

Este programa de emprego-formación céntrase na aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional de persoas desempregadas maiores de 18 anos. Consta dunha etapa formativa en alternancia coa práctica profesional (nove meses), e dun programa de inserción laboral na empresa ordinaria de tres meses de duración.

Vinte alumnos/as participaron durante nove meses neste obradoiro, acompañados das catro persoas do equipo técnico. O orzamento do programa foi de 358.667 euros, dos que 288.807 proceden dunha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria; 60.000 son achegados polo Concello de Santiago e 9.860 polo Concello de Ames.

Outras intervencións
Ademais da intervención realizada no polígono do Tambre, os/as alumnos/as tamén fixeron traballos de repoboación forestal e melloras silvícolas en Pedra Castro (Santa Cristina de Fecha), coa finalidade de mellorar as condicións actuais do monte, fundamentalmente nun sentido conservacionista, mediante a reforestación e melloras silvícolas nas 11,21 hectáreas do monte, con frondosas autóctonas galegas (carballos, sobreiras, bidueiros…).

Compartir: