PLENO

A Corporación aproba unha declaración institucional en defensa de proxectos básicos para a cidade

29/07/2019 O Pleno da Corporación aprobou por unanimidade unha declaración institucional que fixa unha serie de obxectivos prioritarios para a cidade, de conformidade co acordo subscrito no seu día polas forzas políticas representadas na Corporación Municipal e o Foro Cívico.

No texto, presentado polo PP e transformado en declaración, fíxanse como obxectivos prioritarios do mandato, coa expresión da vontade para apoiar a unidade de acción coa Alcaldía e colaborar na súa consecución: a industrialización de Santiago de Compostela, a estación intermodal, as infraestruturas A-54 e "Orbitaliño", a estación depuradora de augas residuais (EDAR) e a reforma e modernización da Administración municipal.

Casa de Elisa e Jimena Fernández de la Vega
Tamén saíu adiante, neste caso cos votos favorables de CA e BNG unha proposición dos primeiros instando ao Concello a materializar canto antes o convenio coa USC para a cesión da Casa de Elisa e Jimena Fernández de la Vega para instalar nela o Centro Cívico da Cidade Vella. Esta proposta recibiu a abstención de PSdeG-PSOE e PP. En nome da Asociación de Veciños do Casco interveu no pleno Marcos Pombo.

Tanto a concelleira de Cidade Histórica, Mercedes Rosón, coma o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, indicaron que a USC non asinou o convenio e que se está negociando con esta institución. Manifestaron a vontade de destinar este edificio á nova Oficina da Cidade Histórica e apuntaron que se están avanzadas as negociacións coa Fundación Abanca para recuperar seu edificio a carón da Casa de Elisa e Jimena Fernández de la Vega, na praza de Salvador Parga, para destinala á veciñanza da Cidade Histórica. Lembraron que se trata dun inmoble de 1.000 metros cadrados nunha única planta e cunha gran funcionalidade.

Concellos Doing Business Galicia
Outro dos acordos da Corporación foi a adhesión do Concello de Santiago ao protocolo xeral de actuación entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP para fomentar a implantación e a fixación de empresas en Galicia mediante a creación da iniciativa "Doing Business Galicia. Votaron a favor PSdeG-PSOE e PP e en contra CA e BNG.

Ademais, cos votos favorables de CA e BNG e a abstención de PSdeG-PSOE e BNG, aprobouse unha proposición dos nacionalistas para a creación do "Espazo das nosas palabras" nun edificio da Cidade Histórica para "contribuír ao proceso de dignificar e dar a coñecer que Galiza ten un idioma propio e unha cultura que nos distingue como pobo".

Co mesmo resultado na votación, saíu adiante unha proposición presentada por Compostela Aberta instando ao Concello a impulsar e publicar unha terceira convocatoria de proxectos de apoio á creación en artes visuais 2020-2021, buscando a colaboración, se fose posible, da Fundación Granell, para facilitar un espazo alternativo de exhibición destes proxectos derivados da convocatoria. Tamén se pide a publicación dun catálogo en papel que sirva de memoria do traballo feito na Zona C, ante o seu inminente peche por mor da ampliación do Museo do Pobo Galego.

O capítulo de proposicións aprobadas pechouse cunha do PP que solicita a revisión e información pública do proceso de licitación do servizo de transporte urbano con carácter previo á súa licitación. Ademais do grupo propoñente, votou a favor o BNG. CA votou en contra e o PSdeG-PSOE abstívose.

Mocións
No apartado de mocións, aprobouse por unanimidade unha do PP solicitando a resolución das deficiencias na vía de servizo da autovía no contorno de Amarelle e a continuidade do trazado entre as estradas A-54 e N-547. En nome dos veciños de Amarelle-Lavacolla interveu Manuel Ventosa, quen falou de problemas nos firmes, no tratamento de pluviais, nas sinalizacións, etc. A proposición tamén reivindica un proxecto complementario para darlle un tratamento axeitado á continuidade do itinerario entre antiga N-634 dende as proximidades do paso subterráneo existente preto da cabeceira da pista do aeroporto de Lavacolla ata enlazar coa N-547, nas inmediacións dos terreos do polígono empresarial do Pino.

Ademais, deuse o o visto bo á moción do BNG grazas á cal o Concello demandará ao Goberno do Estado a dotación orzamentaria precisa para AENA construír a nova estación depuradora de augas residuais do aeroporto de Lavacolla. Igualmente, solicitaralle as medidas oportunas para deter a contaminación actual e mellorar a protección ambiental. O segundo punto aprobouse por unanimidade, mentres que o primeiro recibiu o voto en contra do PSdeG-PSOE.

A unanimidade tamén foi o resultado da moción presentada polo BNG para instar ao Concello a licitar con carácter inmediato o concurso dos comedores escolares de acordo coas demandas da comunidade educativa e tendo en conta a petición da FANPA para mellorar a calidade deste servizo a partir do vindeiro curso 2019-2020.

A maiores, aprobouse unha moción do BNG que insta ao Concello a organizar en Santiago un evento para promocionar os viños galegos con Denominación de Orixe, co obxectivo de enriquecer o turismo gastronómico. Votaron a favor CA e BNG, e abstivéronse PSdeG-PSOE e PP.

Igualmente, recibiu o visto bo da Corporación unha moción de Compostela Aberta instando á Xunta de Galicia a declarar O Souto como Espazo Natural de Interese Local de xeito provisional, e demandando ao Concello a elaboración do plan de conservación deste espazo. Votaron a favor CA e BNG, e abstivéronse PSdeG-PSOE e PP.

Para finalizar, aprobouse unha moción de urxencia presentada por Compostela Aberta sobre os usos do campo de rugby da USC. O primeiro punto, relativo ao apoio á práctica do rugby, recibiu o apoio de PSdeG-PSOE, CA e BNG, coa abstención do PP. Os outros tres puntos -relativos ao cumprimento do convenio de colaboración entre a USC e o Concello sobre o acondicionamento do campo de fútbol do Campus Vida e sobre a cesión de uso do campo de fútbol-rugby- foron ratificados por CA e BNG, mentres que PSdeG-PSOE e PP abstivéronse.

Compartir: