ALCALDÍA

Bando da Alcaldía con motivo do 25 de xullo

25/07/2019 A capital de Galicia celebra as festas do seu patrón, o Apóstolo Santiago, cun universo sonoro de músicas que traspasa fronteiras, cun espectáculo de luz e son que nos lembra a historia da cidade e o protagonismo das súas mulleres; e cunha programación deportiva e cultural pensada para todos os composteláns e compostelás, para todos os galegos e galegas, e para todas aquelas persoas que nos visitan, sexan de onde sexan e veñan de onde veñan.

Vivimos unha etapa de incerteza a nivel global, con cambios no modelo económico que incrementan as desigualdades sociais, e cun espazo internacional cada vez máis polarizado e menos cooperante, no que as posicións políticas e as mensaxes tenden a radicalizarse.

É neste contexto onde xorden, con máis forza, os valores do Camiño de Santiago: a solidariedade, a tolerancia, o respecto pola diversidade cultural, social e lingüística; a perseveranza nunhas metas e o esforzo para acadalas. Ao final, o premio, a Compostela, e a hospitalidade dunha cidade, Santiago, Patrimonio da Humanidade, na que todas as persoas son benvidas, e que agora vos abre os brazos para que desfrutedes coas súas festas.

É tamén nestas datas cando a nosa cidade multiplica a súa capacidade de acollida e de compromiso con todos os galegos e galegas. Porque o 25 de xullo tamén é o Día de Galicia. Unha xornada que debe ser de unión e de harmonía, de convivencia de ideas e opinións plurais, de expresión da nosa identidade e da nosa cultura, en concordancia cos valores que representa, desde hai máis de mil anos, Santiago de Compostela.

Ese gran escenario de tradición milenaria e hospitalidade que é Compostela, ábrevos as portas. Non importa onde vivades, de onde veñades, entrade e quedade connosco gozando coas celebracións do Apóstolo no Día de Santiago e no Día de Galicia.

Documentos relacionados



Compartir: