ALCALDÍA

O alcalde demanda seguir dando pasos cara unha sociedade igualitaria e sen violencia machista

25/07/2019 O alcalde de Santiago realizou a Ofrenda Nacional ao Apóstolo. Na súa condición de delegado rexio, Xosé Sánchez Bugallo demandou a colaboración institucional para o éxito do Ano Santo 2021 e esixiu seguir avanzando en prol dunha sociedade igualitaria e para "erradicar de raíz" a lacra da violencia machista.

Sánchez Bugallo, que comezou a súa alocución agradecendo a súa elección como alcalde aos composteláns e compostelás, expresou o seu convencemento de que o Ano Santo 2021 será un "éxito", para o cal, "necesitaremos a implicación de todas as institucións presentes na cidade, das entidades, as asociacións e a cidadanía. Entre todos conseguiremos que este sexa o mellor Ano Santo que teñamos celebrado". Con ese obxectivo, dixo, "traballaremos incansablemente para facer de Santiago unha urbe limpa, segura y acolledora". Nese sentido, apelou á "colaboración institucional", facendo da "concordia e o consenso o fundamento da nosa forma de actuar".

O alcalde tamén pediu a guía do Apóstolo Santiago cara unha sociedade igualitaria e sen violencia machista: "Esta lacra ten que ser erradicada de raíz e nese empeño temos que estar, sen ningún xénero de dúbida, as institucións e os seus gobernantes. No podemos tolerar nin un asasinato máis e, como sociedade, non podemos mirar cara outro lado. É imprescindible seguir avanzando, sen pasos atrás, en na consecución dun mundo no que a igualdade entre homes e mulleres sexa real e efectiva".

Ademais, tivo palabras para colectivos como a mocidade ou os nosos maiores, e fixou como outra das prioridades a loita contra o desemprego, poñendo como exemplo as políticas adoptadas en Portugal. Ao Apóstolo solicitoulle axuda igualmente para loitar contra o cambio climático e para a erradicación da pobreza e da desigualdade económica.

"Pídoche que ilumines aos nosos representantes políticos para que prevaleza o interese xeral e o ben común sobre os intereses particulares e partidistas", manifestou o oferente, en defensa do "proxecto común que é España, como o mellor marco para avanzar na igualdade, a democracia e o progreso dos pobos que a compoñen". Así, puxo como exemplo a Santiago, "cidade de acollida", como a mostra de que "a diversidade cultural e relixiosa non está reñida coa convivencia. Como tampouco o está a tradición coa modernidade. Somos unha cidade cosmopolita, universal, pero á vez apegada ás súas tradicións, que respectamos e veneramos".

O alcalde non quixo finalizar a Ofrenda sen acordarse das vítimas do accidente de Angrois. "Onte cumpríronse 6 anos, pero a dor segue estando presente. O meu sentido abrazo e o de toda a Corporación para as súas familias", indicou, antes de rematar a súa intervención cuns versos da poeta compostelá máis universal, Rosalía de Castro: "Dende aquí vexo un camiño que non sei a donde vai; polo mismo que n’o sei quixera o poder andar".

Actos protocolarios
Antes da cerimonia relixiosa, o alcalde realizou o pase de revisa ás tropas na praza do Obradoiro, onde tamén aterrou a Patrulla Acrobática de Paracaidismo (PAPEA). Tras o saúdo ás autoridades, a comitiva dirixiuse á igrexa de San Martiño Pinario, onde este ano se celebrou a cerimonia relixiosa por mor das obras na Catedral.

Finalizada a misa, a comitiva oficial regresou ao Pazo de Raxoi, onde o delegado rexio asinou no Libro de Honra do Concello e realizou unha breve intervención. Esta foi a cuarta vez que Xosé Sánchez Bugallo exerceu esta representación, tras as ofrendas de 2001, 2005 e 2008, na súa anterior etapa como rexedor municipal.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: