XUNTA DE GOBERNO

O alcalde demanda unha maior achega autonómica pola capitalidade para vindeiros exercicios

22/07/2019 Na Xunta de Goberno Local celebrada este luns deuse conta da sinatura do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela para sufragar os gastos derivados da súa condición de capital da Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén se aprobaron os pagos pendentes á empresa TRALUSA pola prestación do servizo de transporte de viaxeiros no primeiro semestre do ano.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, indicou que a cantidade que percibirá o Concello este ano en virtude do Estatuto da Capitalidade volverá a ser de 2.325.000 euros. Lembrou que esta achega foi reducida en 2010 (en 2009 foran 3 millóns de euros) e logo conxelada, e apuntou que "debera ser revisada esta cantidade significativamente á alta para o futuro". Neste sentido, manifestou que "o custo estimado da capitalidade é duns 6 millóns de euros".

Esta foi unha das cuestións sobre as que o rexedor falou co presidente da Xunta na súa recente reunión e expresou o seu desexo de que, cara 2020 e, sobre todo, cara 2021, "este tema teña unha mellor solución".

Recoñecemento de pagos
Outro dos asuntos tratados na Xunta de Goberno foi a estimación parcial dun recurso de reposición interposto por Cespa, S.A relativo á revisión de prezos do servizo de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes e do arborado urbano do concello de Santiago de Compostela. Esta estimación parcial supón o pago de 104.730 euros en concepto de atrasos.

Tamén se aprobaron pagos a conta á empresa TRALUSA pola prestación do servizo de transporte urbano de viaxeiros correspondente ao ano 2019, en concreto, dos meses de xaneiro a xuño, por un importe total de 1.691.280,24 euros. Explicou o alcalde que estes pagos estaban contemplados no contrato en concepto de anticipo a conta do equivalente ao 90% do déficit recoñecido no exercicio anterior.

Programa integral de emprego
En materia de emprego, acordouse solicitar unha subvención á Xunta para a posta en marcha do programa integral "Santiago E-COM II", por un importe de 175.340,74 euros, aos que se sumaría unha achega municipal de 43.835,92 euros.

Documentos relacionados



Compartir: