FACENDA

O Goberno local presenta un orzamento "técnico" para atender "necesidades inaprazables" por máis de 8,6 millóns de euros

18/07/2019 A concelleira de Economía e Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local, Marta Abal, presentou esta tarde os orzamentos que se levarán a unha Xunta de Goberno extraordinaria convocada para mañá venres e que hoxe mesmo se lle entregaron ao resto dos grupos municipais. O obxectivo destas contas, indicou, é "atender as necesidades inaprazables que non poden ser cubertas con cargo aos orzamentos prorrogados de 2018, cuantificadas en máis de 8,6 millóns de euros".

Segundo explicou Marta Abal, trátase do orzamento xeral integrado polo do propio Concello, o do Auditorio de Galicia e os estados de previsión de ingresos e gastos de Tussa e Incolsa. O orzamento do Concello é de 109.876.024,97 euros e, sumadas as contas do Auditorio, Tussa e Incolsa, alcanza os 113.229.022,02 euros.

A concelleira sinalou que "o orzamento que se presenta é un orzamento esencialmente técnico, co que se atende a necesidades inaprazables, cuantificadas en máis de 8,6 millóns de euros, de conformidade cos datos que se desprenden tanto do informe de data do 5 de xuño de 2019, sobre o traspaso da área de Economía e Facenda, Contratación e Persoal que facilitou a anterior Corporación e coas necesidades detectadas unha vez se constituíu a nova Corporación".

Entre estas necesidades citou os gastos de persoal, cuantificadas en 2,3 millóns de euros, para atender a suba salarial do persoal municipal derivada das medidas urxentes en materia de retribucións do sector público, o incremento do 0,30% da masa salarial, o aumento das cotizacións á Seguridade Social para a Policía Local, as primas de xubilación e sentenzas. Tamén se inclúen 1,9 millóns de euros para gasto corrente en bens e servizos (facturación dos servizos postais, achega municipal da EDUSI, recollida do lixo e limpeza viaria, consumo eléctrico e outras facturas de gasto corrente por gastos devengados do exercicio 2018).

Outros gastos que se deben afrontar son os máis de 273.000 euros de xuros a pagar en virtude de sentenzas ou algo máis de 245.000 euros para o aboamento do copago á Xunta das escolas infantís consorciadas. Tamén significativo é o crédito de máis de 1,6 millóns de euros destinados investimentos reais: gastos derivados do exercicio 2018; pagamento de sentenzas; direccións de obra no Plan POS+2019 e Plan Adicional da Deputación; e as achegas municipais para a implantación dunha rede de telecomunicacións e mobilidade e para o subministro de postos de traballo informatizados, ambos proxectos no ámbito da administración electrónica e incluídos na EDUSI.

A concelleira destacou tamén a consignación de máis de 2 millóns de euros para atender os compromisos de pago das anualidades 2019 do convenio coa Xunta para o financiamento da pasarela da intermodal e do convenio coa Axencia Galega de Infraestruturas para a mellora e integración paisaxística da entrada dos camiños de Santiago na cidade.

Prioridades
"Malia a pouca marxe de manobra que permite un orzamento destas características", afirmou Marta Abal, acometeranse con cargo ao mesmo, entre outras, algunhas actuacións que definiu como prioritarias: accións de promoción da cidade, Plan Director do Xacobeo 2021, Plan Estratéxico de Turismo, Plan Estratéxico de Santiago de Compostela 2020-2030, estudo de alternativas de uso do solar de Peleteiro, plan de conectividade de Lamas de Abade, plan de conectividade e de integración de Conxo e o programa de Nadal 2019.

Compartir: