CONSORCIO

A Real Filharmonía ofrece un concerto gratuíto na igrexa de San Martiño Pinario

15/07/2019 A igrexa de San Martiño Pinario será o escenario do vindeiro concerto da Real Filharmonía de Galicia. Será este venres, 19 de xullo, ás 21:00 horas. Esta iniciativa, que é gratuíta ata completar aforo, enmárcase no propósito da RFG de achegar a música clásica e a orquestra a diferentes puntos da cidade e a públicos diversos. A batuta levaraa o mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado da orquestra.

O concerto comezará coa Suite nº 3 de Bach (1865-1750). É unha das catro suites para orquestra que compuxo o mestre barroco. Nesta obra sobresae o segundo movemento, unha melodiosa aria que contén algúns dos compases de maior beleza que se teñen escrito na historia da música. Destaca pola súa sinxeleza e serenidade.

De seguido soará a obra Adagio, de Samuel Barber (1910-1081), a peza máis popular do compositor estadounidense. Estreouse no ano 1938 en Nova York, nun programa de radio, coa Orquestra Sinfónica da NBC dirixida por Arturo Toscanini. En 2004, esta obra mestra de Barber foi elixida como a "obra clásica máis triste" polos oíntes do programa BBC's Today. Este Adagio está incorporado en numerosas películas, programas de televisión e bandas sonoras de videoxogos.

A cita concluirá coa Sinfonía nº 7 de Beethoven (1770-1827). Estreouse en Viena no ano 1813 durante un concerto de caridade para os soldados feridos durante a batalla de Hanau. O propio Beethoven dirixiu a orquestra e a peza tivo unha moi boa acollida entre a crítica especializada da época. Está considerado como un dos seus mellores traballos.

Concerto da RFG na praza da Quintana
Ademais, a Real Filharmonía de Galicia vai participar nas celebracións das festas do Apóstolo, conmemorativas do Día de Galicia. A praza da Quintana acollerá un concerto gratuíto dirixido polo mestre Dimas Ruíz, o 30 de xullo ás 22:00 horas. A RFG tocará xunto ao poliinstrumentista galego Abraham Cupeiro, que ofrecerá varias pezas integradas no seu disco Os sons esquecidos, gravado coa orquestra no ano 2016 para o selo discográfico Warner Classics.

Compartir: