FESTAS

Luís Zahera abrirá unhas festas do Apóstolo diversas e con nomes destacados como como Xoel López, Chico César ou La Casa Azul

12/07/2019 O concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, presentou este venres o programa das festas do Apóstolo, que este ano se celebrarán do 19 ao 31 de xullo. O actor compostelán Luís Zahera será o encargado dun pregón que abrirá trece días de festas con importantes nomes do panorama musical, como Xoel López, Chico César, La Casa Azul ou La M.O.D.A, e con propostas para todos os públicos.

Lembrou o edil que o deste ano é un programa que "salvo cuestións de produción e algunha cuestión máis, estaba practicamente configurado polo anterior equipo de Goberno". En calquera caso, indicou, "é un programa con propostas diversas en canto a estilos e públicos, cos grandes concertos centrados na praza da Quintana, complementados con outras propostas cada día noutros espazos da cidade". Todas actividades serán de balde e tampouco faltarán os eventos tradicionais destas datas.

Luis Zahera, o pregoeiro
Muíños anunciou o pregoeiro co que arrincarán as festas o venres 19 de xullo. Será un compostelán, o actor Luís Zahera, do que recordou o seu salto á fama co personaxe de Petróleo na serie Mareas Vivas, pero tamén a súa prolixa carreira tanto na televisión como no cine, en Galicia e en España. Ademais, lembrou, "vén cun Goya debaixo do brazo, que obtivo como mellor actor de reparto polo filme El Reino". De seguro, concluíu, "nos preparará un pregón cheo de humor e de compostelanismo e nos animará a vivir con intensidade as festas do Apóstolo.

Despois do pregón, a música, no mesmo Obradoiro, poñeraa Zalon Thompson, artista británico coñecido no seu día por ser a voz principal da banda da desaparecida Amy Winehouse e que agora presenta o seu primeiro disco.

Grandes concertos na Quintana
Repasando a programación, os grandes concertos celebraranse unha vez máis na praza da Quintana, comezando pola mesma noite do pregón, cando actuará Budiño. Outros nomes que pasarán pola Quintana son Xoel López (domingo 21), The Main Squeeze (luns 22), La Casa Azul (martes 23), La M.O.D.A (mércores 24), Leilía e Milladoiro (xoves 25) ou Chico César (domingo 28).

Ademais, o mércores 31 haberá un concerto dedicado ás bandas e artistas galegos, con Banda Crebynsky, Fredi Leis e Holywater; e a do sábado 20 será unha noite dedicada ao beat e a música electrónica.

Tampouco faltarán na Quintana dúas citas que xa son tradicionais: o concerto da Real Filharmonía de Galicia (martes 30) e o da Banda Municipal, que nesta ocasión estará acompañada pola Gallaecia Big Band nun concerto especial o luns 29. Para estes dous concertos haberá que retirar convites na billeteira do Teatro Principal.

Outras citas tradicionais serán o Festival Folk que organiza La Voz de Galicia o venres 26 e, ao día seguinte, as Xornadas de Folclore.

Concertos no Toural e propostas diversas
Para a Quintana quedan os concertos de gran formato, pero tamén haberá cada día música na praza do Toural. Por aí pasarán Jamila e Rey Montesinos, Kind of Soul, Nunatak, The Tune, Moon Cresta, The Soul Jacket, Phantom Club, Wöyza, Trilitrate, Puerta Sur, Basanta e Lulavai.

Non faltarán as citas tradicionais do Apóstolo, como o Día do Traxe Galego, o torneo de chave, o concurso de ciprínidos, as exhibicións de coches e de traxes de época, o Día de Padrón, as orquestras na Alameda ou as atraccións, que estarán na Alameda ata o 31 de xullo; e tamén outras propostas, en diversos espazos, de música, danza, teatro, deporte, espectáculos infantís, visitas guiadas, circo, etc.

Punto Lila
O concelleiro destacou que haberá un Punto Lila de información e acompañamento sobre violencias sexuais, a disposición de todas as mulleres que se acheguen á cidade ou participen nos festexos. Estará aberto todos os días dende o 20 ao 31 de xullo, en horario de 12:00 a 13:30 e de 21:00 a 01:30 horas. Ademais, a praza 8 de Marzo terá unha iluminación especial durante as festas, e nesa mesma praza, o luns 29, haberá un festival con Lúa Mosquetera, Dj Russinha e Papaya.

Jamila Purofilin, Rey Montesinos, Leilía e Milladoiro
Gonzalo Muíños estivo acompañado na rolda de prensa por catro dos protagonistas das festas: Jamila Purofilin e Rey Montesinos, que ofrecerán un concerto na praza do Toural o luns 22; e Montse Rivera, de Leilía, e Xosé V. Ferreirós, de Milladoiro, que estarán no escenario da Quintana o propio día do Apóstolo, o 25 de xullo.

Jamila Purofilin e Rey Montesinos están xirando co seu espectáculo Alma bohemia, no que interpretan pezas ben coñecidas do repertorio musical cubano. Queren celebrar así os 500 anos da cidade de La Habana.

Foi precisamente na capital cubana onde Jamila, residente en Santiago e xa habitual no panorama musical de Compostela, coñeceu a Rey Montesinos, arreglista de Buenavista Social club durante 13 anos e ex director da orquestra do Club Tropicana, e que leva colleitado premios e recoñecementos durante toda a súa carreira.

Pola súa parte, Leilía ofrecerá en Compostela o seu espectáculo CantarELAS, co que celebran o seu 30 aniversario e no que agasallan ao público cun repaso aos seus temas máis emblemáticos mesturándoos con algunhas novidades. Xunto a elas, estará no escenario da Quintana o grupo Milladoiro, que segue a xirar co seu último traballo, Atlántico, pero seguro que no seu concerto tampouco faltarán as súas composicións máis emblemáticas.

Documentos relacionados



Compartir: