EDUCACIÓN

Noa Díaz visitou os nenos e nenas que participan no Programa Municipal de Conciliación de Verán

09/07/2019 A concelleira de Educación, Noa Díaz, visitou esta mañá no CEIP Monte dos Postes os/as participantes no Programa Municipal de Conciliación "Escolas de Verán 2019". Son un total de 215 nenos e nenas, repartidos entre este centro e o CEIP Vite I. Díaz sinalou que "é importante que o Concello favoreza actividades de este tipo porque axudan na conciliación laboral, persoal e familiar".

Favorecer a conciliación laboral e familiar é, precisamente, o obxectivo do programa, que ofrece aos/ás menores unha alternativa de lecer no tempo libre baseada en valores de cooperación, respecto, tolerancia e coñecemento e coidado do medio ambiente e da natureza. O programa propón como fío condutor das actividades a coñecida serie de animación "Érase unha vez…", que abarca diferentes temáticas, como o home, o espazo, a ciencia, etc. Isto permite que, cada semana, os/as participantes en cada unha das quendas traballen e gocen con contidos diferentes.

Entre as actividades programadas figuran saídas e roteiros medioambientais, obradoiros de reciclaxe e de cociña, xogos tradicionais e de auga, actividades deportivas, animación á lectura, ou veladas nocturnas para participantes maiores de 7 anos. As familias poden escoller entre a modalidade de só actividades, en horario de nove da mañá a dúas da tarde, ou solicitar a maiores os servizos de comedor e madrugadores.

O programa desenvólvese entre o 24 de xuño e o 31 de xullo, e do 2 ao 6 de setembro. Recibíronse un total de 268 inscricións, das que formalizaron a matrícula 215 participantes: 115 no CEIP Monte dos Postes e o resto no CEIP de Vite. Noa Díaz agradeceulle a súa colaboración e por "prestar as instalacións dos centros para que se poidan facer estas actividades".

Actualmente aínda quedan prazas dispoñibles, e estanse a recibir novas inscricións, que son atendidas por orde de entrada en rexistro.

Compartir: