TURISMO

Turismo de Santiago ofrece novas visitas guiadas pola cidade da man de Castelao

03/07/2019 O concelleiro de Turismo, Gumersindo Guinarte, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, presentaron no Pazo de Raxoi a "Visita guiada da man de Castelao polas rúas de Compostela", novas visitas que a entidade municipal de promoción turística organiza este mes de xullo. Na rolda de prensa tamén participou Suso Martínez, o actor e guía que encarna o personaxe de Castelao nestas rutas.

Con estas visitas, Turismo de Santiago continúa coa liña de traballo que comezou no verán do 2017, cando organizou unha visita guiada por monicreques seguindo a presenza de Valle-Inclán na cidade. No verán do ano pasado organizouse unha visita dialogada entre Rosalía e Valle, na que participaron máis de 850 persoas en nove sesións.

Este ano decidiuse organizar estas visitas en torno á figura de Castelao e a súa relación coa cidade, onde pasou os seus anos de estudante e onde repousan os seus restos, no Panteón de Galegos Ilustres.

O enfoque das visitas está pensado para un público familiar, que non precise dun coñecemento profundo da obra e vida de Castelao. Poden participar tanto turistas como persoas que residen en Santiago e queren redescubrir a cidade a través da súa mirada.

As visitas, de balde, comezan ás 18:00 na Alameda, xunto a estatua de Valle-Inclán. Trátase dunha actividade aberta, polo que non é preciso facer reserva previa, pero é recomendable presentarse dez minutos antes no punto de saída.

O itinerario é: parque da Alameda, praza do Toural, rúa do Vilar, praza de Fonseca, praza do Obradoiro, praza da Quintana, Casa da Troia, Casas Reais, praza 8 de Marzo e San Domingos de Bonaval. Ten unha duración aproximada dunha hora e media. As visitas, pensadas no mes de xullo para complementar a programación das festas do Apóstolo, serán os días 7, 9, 16, 18, 21, 23, 25, 28 e 30.

Estas visitas, que contan co financiamento da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia e de Abanca, continúan co traballo de posta en valor do atractivo da cidade a través das figuras de escritores e escritoras de relevancia que pasaron parte das súas vidas na cidade.

Compartir: