PRESIDENCIA

Entregados os premios do proxecto Argos

01/07/2019 O concelleiro de Relacións Institucionais, Sindo Guinarte, asistiu este mediodía á entrega de premios de Argos, un programa de equipos de emprendemento desenvolvido conxuntamente pola USC e a incubadora de empresas Uninova, na que colabora o Concello de Santiago, a Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo. Os proxectos de empresas gañadores nas dúas modalidades nas que se divide o programa foron "Árnigal Cultivos", e "Bewell". Cada un deles recibirá 3.000 euros e terá seis meses de acceso gratuíto a espazos de incubación.

Na modalidade de Agros Enxeño, para proxectos xurdidos de ideas propias de participantes ou empresas da contorna de Compostela e Lugo, resultou gañador "Árnigal Cultivos", un proxecto de cultivo ecolóxico de árnica e obtención de estrato da mesma para uso cosmético. E na modalidade de Argos Spin, para proxectos baseados en resultados de investigación da USC, o premiado foi "Bewell", baseado na avaliación científica do benestar animal en explotacións gandeiras asociadas á concesión dun selo de calidade. Para Guinarte, hai dous conceptos que definen estes proxectos: "multidisciplinariedade e innovación, dous elementos nucleares da empresa e da economía futura".

Sindo Guinarte felicitou aos premiados, e sinalou que " a partir de agora, calquera administración debe facilitar medios e espazos" para que esas empresas poidan medrar. O papel, segundo o concelleiro, debe ser de "acompañamento", como está a facer o Concello de Santiago apoiando e colaborando, dende o principio, con Uninova.

O programa, que este ano acadou a sexta edición, contempla entrevistas aos participantes, constitución de equipos multidisciplinares con 4 ou 5 integrantes, que finalmente, desenvolven un plan de empresa titorizado por persoal de Argos para presentalo ante un xurado. Conta ademais con sesións de adestramento en exterior e traballo en equipo.

Aparte de Sindo Guinarte, na entrega de premios e diplomas participaron Elena Polo, da Axencia Galega de Innovación; Norberto Penedo, director da área de Competitividade do IGAPE; Sonsoles López Izquierdo, deputada de Promoción Económica na Deputación de Lugo; e o responsable da AVTE, a Área de Valoracización, Transferencia e Emprendemento da USC, José Luis Villaverde.

Compartir: