ALCALDÍA

A Xunta de Goberno aproba a liquidación das contas de 2018 das empresas de transporte urbano Tralusa, Autos Carballo e Hermanos Ferrín

28/06/2019 A Xunta de Goberno do Concello de Santiago, reunida en sesión extraordinaria, aprobou a liquidación das contas de 2018 de tres empresas de transporte público, "Tralusa", "Autos Carballo", e "Hermanos Ferrín", recoñecéndolle o déficit. Era un trámite necesario, segundo explicou en rolda de prensa o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, para poder solicitar a subvención de transporte público convocada polo Goberno de España.

"O prazo de presentación de solicitudes vence este domingo", de aí a urxencia da convocatoria. Estas axudas, explicou o rexedor están destinadas aos concellos e son para compensar o déficit no servizo de transporte público.

O resumo do que se aprobou na Xunta de Goberno é o seguinte:
1. Proposta do concelleiro delegado de Mobilidade relativa á aprobación provisional da liquidación pola prestación do servizo de transporte colectivo urbano de viaxeiros coa empresa "Tralusa" correspondente ao ano 2018
Apróbanse as variables a ter en conta para o cálculo da compensación correspondente ao ano 2018 coa empresa "Tralusa" e procedeuse a cuantificar, con carácter provisional, a liquidación do ano 2018 para a devandita empresa por un importe de 3.758.321,75 euros. Desta cantidade, quedan pendente de abono 443.526,95 euros. Apróbase o compromiso de viaxeiros do ano 2018 en 7.373.695.

2. Proposta do concelleiro delegado de Mobilidade relativa á aprobación provisional da liquidación pola prestación do servizo de transporte colectivo urbano de viaxeiros coa empresa "Autos Carballo, S.L., correspondente ao ano 2018.
Apróbanse as variables a ter en conta para o cálculo da compensación correspondente ao ano 2018 coa empresa "Autos Carballo, S.L.U.", e procédese a cuantificar, con carácter provisional, a liquidación do ano 2018 para a devandita empresa por importe de 219.850,05 euros.

3. Proposta do concelleiro delegado de Mobilidade relativa á aprobación da liquidación pola prestación do servizo de transporte colectivo urbano de viaxeiros coa empresa "Hermanos Ferrín, S.L.", correspondente ao ano 2018.
Apróbanse as variables para ter en conta o cálculo de compensación correspondente ao ano 2018 coa empresa "Hermanos Ferrín, S.L." e procédese a cuantificar con carácter provisional a liquidación do ano 2018 para a devandita empresa por un importe de 89.074,24 euros.

4. Proposta do concelleiro delegado de Mobilidade relativa á aprobación de pagos a conta á empresa "Tralusa" pola prestación do servizo de transporte urbano de viaxeiros correspondente ao ano 2019.
Recoñécese a contía global de 3.384.920,69 euros á empresa "Tralusa" como obriga do Concello pola compensación anual de entregas a conta dende o día 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2019, que supón once pagos mensuais por importe de 282.076,72 euros, e unha derradeira entrega a conta, correspondente ao mes de decembro, por importe de 282.076,77 euros.

Pleno
Durante a rolda de prensa, Sánchez Bugallo amosou a súa satisfacción pola unanimidade acadada no pleno de constitución. Toda a corporación votou a favor dos catro primeiros puntos. No último, sobre dedicacións exclusivas, Compostela Aberta votou en contra. Para o alcalde, "o 90% é un nivel de consenso excelente".

Sánchez Bugallo tamén adiantou que previsiblemente a próxima semana, manteña un encontro co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo.

Compartir: