PLENO

Celebrado o pleno de organización do Concello

28/06/2019 Esta mañá o pleno do Corporación reuniuse en sesión extraordinaria para tratar os puntos relativos á organización do mesmo. Así, decidiuse a periodicidade das sesión, a creación e composición das comisións, a representación dos grupos nas distintas entidades municipais ou o réxime de indenmizacións e dedicacións exclusivas dos membros das corporación.

O Pleno aprobou por unanimidade as seguintes propostas:

1. Proposta da alcaldía relativa á periodicidade das sesións. Que o Pleno da Corporación se reúna en sesión ordinaria todos os meses, agás agosto, o último xoves de cada mes, ás 17:00 horas en primeira convocatoria. No caso de ser festivo, celebrarase dous días antes ou dous días despois, á mesma hora, previa consulta á Xunta de Portavoces.

2. Proposta da alcaldía relativa á creación e composición das Comisións Permanentes de informe, estudo e proposta de carácter permanente especial.
a. Comisión de presidencia, réxime interior, modernización da administración, facenda e especial de contas.
b. Comisión de urbanismo, infraestruturas, vivenda, medio ambiente, medio rural e servizos.
c. Comisión da área social, cultura, participación, igualdade e transparencia.
Estas tres comisións estarán compostas por un máximo de tres concelleiras/os de cada un dos grupos municipais da corporación. O voto de cada concelleiro/a será ponderado segundo a representación proporcional que cada grupo ten no pleno municipal.
d. Comisión especial de suxestións e reclamacións. Estará composta por dous ou dúas concelleiras/os de cada un dos grupos municipais da corporación. O voto de cada concelleira/o será ponderado segundo a representación proporcional que cada grupo ten no pleno municipal.
e. Comisión Asesora do Patrimonio Histórico. Formarán parte dela dous/dúas concelleiros/as dos grupos municipais de PSdeG-PSOE e do PP e un/unha concelleiro/a dos grupos municipais de CA e do BNG.
A Comisión de Presidencia, Réxime Interior, Modernización da Administración, Facenda e especial de Contas entenderá de todos aqueles asuntos que non estean comprendidos expresamente no ámbito das outras comisións. Ademais, poderanse constituír comisións especiais para o estudo de diversas materias e baixo a presidencia do alcalde que estarán formadas, salvo disposición en contra, por un concelleiro de cada un dos grupos municipais da corporación. Tamén se constituirá a xunta de portavoces como comisión especial presidida polo alcalde e composta polos portavoces de cada un dos grupos municipais.

3. Proposta da alcaldía relativa á fixación de número de representantes no Consorcio, Auditorio e Consellos Sectoriais de Actuación Municipal.
a) Consorcio da cidade de Santiago: formarán parte do Consorcio da cidade o alcalde-presidente do Concello de Santiago de Compostela como presidente, e como vogais os portavoces do Grupo Municipal Popular e do Grupo Municipal de Compostela Aberta. A voceira do Grupo Municipal do BNG poderá asistir como convidada.
b) No Auditorio de Galicia: formarán parte do Consello Reitor do Auditorio ademais do alcalde como Presidente, dous vogais en representación do Grupo Municipal Socialista, un en representación do Grupo Municipal Popular, un en representación do Grupo Municipal de Compostela Aberta e un en representación do Grupo Municipal do BNG.
c) No caso do Consello da Capitalidade, Consellos Económicos e Social, consellos sectoriais e demais órganos a representación será a establecida nos respectivos regulamentos.
e) Na Fundación Refuxio de Animais, un representante por cada grupo municipal.
f) No Consello Asesor de Condecoracións, un representante por cada grupo municipal.

4. Proposta da Alcaldía de representación dos grupos políticos municipais en distintas sociedades.
a) No Consello de Administración de Mercagalicia, un representante do PSdeG-PSOE, un do PPdeG, un de Compostela Aberta.
b) Na Empresa Municipal de Transporte Urbano (TUSSA) e na Empresa Municipal de Información e Comunicación Local (INCOLSA), formarán parte como vogais dos seus respectivos Consellos de Administración en representación do Excmo. Concello de Santiago de Compostela dous concelleiros designados a proposta do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE, dous/dúas concelleiros/as a proposta do Grupo Municipal Popular, un/ha concelleiro/a a proposta de Compostela Aberta e un/ha concelleiro/a a proposta do Grupo Municipal do BNG.
c) O Alcalde formará parte, en representación do Excmo. Concello, da Xunta Xeral de UNINOVA e do seu consello de administración. Desta sociedade formarán parte ademais do alcalde, un/ha concelleiro/a do PPdeG, un/ha de Compostela Aberta e un/ha do BNG.
d)Na Sociedade Mercantil Xestión de Actividades Deportivas e Espectáculos S.L. (XADE) o Pleno elixirá a un/ha concelleiro/a en representación de cada un dos catro grupos municipais.

A proposta número 5, relativa ao réxime de indemnizacións e dedicacións exclusivas dos membros da corporación, así como aos grupos municipais, foi aprobada cos votos a favor de PSOE, PP e BNG. Compostela Aberta votou en contra. Segundo a proposta, o grupo de goberno tería dez dedicacións exclusivas, o alcalde máis os nove concelleiros, o PP, dúas; Compostela Aberta, 1,64; e o BNG, 1.

Compartir: