POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS

O Proxecto Youtubeir@s celebra este venres en Santiago o encontro 'Lista de reprodución ao vivo' entre a comunidade creadora dixital e o público

25/06/2019 O Proxecto Youtubeir@s, organizado polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, O Grove, Moaña, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación de contidos na Rede na nosa lingua, celebra neste 2019 a súa terceira edición baixo o lema Conéctate á comunidade e multiplícate. Con esta máxima, o Proxecto Youtubeir@s busca para este ano non só aumentar o número e a calidade de vídeos e persoas creadoras en galego, senón tamén fortalecer as conexións e as interrelacións da comunidade que producen contido no Youtube.

Tras celebrar a comezos de mes na Coruña o encontro Youtubeir@s en conexión, este venres terá lugar en Santiago un segundo evento: Lista de reprodución ao vivo. A cita será entre ás 18.00 e ás 20.00 horas no edificio CEA (Centro de Estudos Avanzados) da USC (Finca de Vista Alegre, Santiago de Compostela).

Consistente nun encontro directo entre youtubeir@s e público, Lista de reprodución ao vivo emula en certo xeito as bibliotecas viventes ou mesmo as partidas de xadrez simultáneas, de xeito que as persoas creadoras agardarán no seu posto as visitas dos/as "espectadores/as". Así, cada youtubeir@ levará temas preparados para analizar e o público, que irá rotando entre os diferentes postos, poderá realizar preguntas e interactuar cos "vídeos vivos". Cada un destes encontros durará un máximo de 20 minutos. Ao final desta rolda individual, abrirase a todo o público para poñer en común e compartir experiencias. O acto estará dinamizado por Xandobela (profesionais da educación e da dinamización sociocultural). As prazas para participar son limitadas e cómpre inscribirse a través de formacion@youtubeiras.gal. O prazo remata este xoves, 27 de xuño.

Premios Youtubeir@s
Os Premios Youtubeir@s, outra das grandes liñas de acción do proxecto Youtubeir@s, mantén até o vindeiro 27 de setembro o prazo de inscrición para todas as persoas creadoras de contidos en Youtube na nosa lingua. Cómpre que os vídeos estean publicados con data posterior ao 15 de marzo de 2018, sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. Establécense un total de catro categorías: vídeo-facermos (vídeos que mostran saberes e procesos de elaboración a través de titoriais), vídeo-opinarmos (exposición de opinións e valoracións sobre un tema de interese), vídeo-cantarmos (vídeos musicais con versións, composicións orixinais, adaptacións ou coreografías) e canles.

Ademais destas catro categorías, recoñeceranse premios á creatividade, á eficiencia comunicativa, á calidade técnica e á calidade lingüística, decididos todos por un xurado de recoñecido prestixio que outorgará o premio durante a gala dos Premios Youtubeir@s, no mes de novembro. Por último, o certame conta cun premio do público que se entrega baixo o nome de #propostayoutubeira. En conxunto, Youtubeir@s repartirá un total de 6500 euros en galardóns. As bases completas pódense consultar na web www.youtubeiras.gal.

Compartir: