ACCIÓN CULTURAL

Máis concertos, máis clases maxistrais e máis solistas na IX edición do Festival Peregrinos Musicais

24/06/2019 O evento, que comeza este venres e que se desenvolverá, ademais de en Santiago, en Nigrán e Sanxenxo, foi presentado en rolda de prensa pola concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; o director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; e directora do festival, Ilona Timchenko.

A concelleira de Acción Cultural de Compostela, Mercedes Rosón, presentou o festival como "un camiño simbólico que fan os Peregrinos Musicais desde diferentes partes do mundo ata chegar a Compostela traéndonos un incríble nivel de interpretación" e quixo destacar que o festival, ao que lle desexou grandes éxitos, "une dous emblemas da cidade de Compostela: o Camiño de Santiago e a excelencia cultural e musical". Por outra parte, o director xeral de Cultura explicou aos xornalistas que se trata de "un Festival que cultiva o talento musical de calidade dos mozos e mozas de Galicia".

Ilona Timchenko comentou que "a característica esencial da IX edición é que o Festival evoluciona cara a un programa poliédrico, onde a formación ten a mesma importancia que os concertos. Dentro da oferta musical, tamén, dáse unha gran relevancia aos artistas consagrados que van participar e aos que inician o seu camiño pola apaixonante viaxe que supón dedicarse á música clásica".

Ademais, a directora do Festival mostrouse moi satisfeita cos músicos seleccionados para esta edición que, en xeral, vai destacar por "ser un festival moi ecléctico, no que imos poder escoitar unha proposta moi variada, e na que non podemos esperar unha única liña, porque un concerto non se vai parecer a outro en todo o programa. A maior parte coinciden en que son concertos de cámara, pero os estilos de cada un deles son moi distintos. Só o concerto da Real Filharmonía de Galicia, aos que eternamente lles damos as grazas porque nos permite poñer o broche de ouro de cada ano, é o único que se sae das actuacións camerísticas programadas. Pero, o concerto da Filharmonía tamén conserva a esencia de dar a oportunidade a mozas con talento para ser parte, como uno máis, dunha enorme orquestra sinfónica como é a que temos na capital de Galicia".

O programa conta con obras musicais moi recoñecidas polo público e outras totalmente diferentes, que nos levan desde a música dunha época a outra, con todo tipo de estilos, desde Bach, a Handel, arranxos feitos por Debussy, ata culminar con pezas de jazz adaptadas por importantes autores clásicos.

Características da IX edición
A música clásica volverá soar con forza e máximo esplendor grazas aos quince novos músicos que se incorporan a este proxecto e os seis grandes mestres que demostrarán as súas cualidades como solistas. En total, subiranse aos escenarios 21 intérpretes, un récord de participación en canto a número de solistas, contando entre eles aos peregrinos seleccionados para esta edición, os artistas invitados, que intervirán como mestres ou laureados. Dos 21 intérpretes, 15 son os músicos seleccionados para o IX Festival, dos cales 9 proceden de varios puntos de Galicia e 6 viaxarán desde Rusia (4), Holanda (1) e Canadá (1) para participar nas nove novas programacións do Festival Peregrinos Musicais.

Escenarios variados e simbólicos da cidade
Santiago de Compostela será o epicentro dos actos centrais e volverá vestir, un ano máis, coas súas mellores galas para acoller, en diferentes salas e edificios singulares do centro histórico da capital galega, esta nova xira de eventos musicais. Ademais, volverá contar con outros dous concertos fóra da capital galega, un en Sanxenxo e outro en Nigrán.

Con motivo das obras no interior da Catedral, nesta edición non é posible organizar alí un dos concertos máis singulares e emocionantes do festival. Pero a súa emotividade non desaparece do cartel xa que o monumental edificio de san Martiño Pinario será quen albergue este concerto especial e que se titula "Monólogos", onde os Peregrinos farán roteiro entre os seus muros co seu particular Camiño de Santiago.

A este novo escenario singular, súmase, a diferenza doutras edicións de Peregrinos Musicais, un concerto especial na Capela do Hostal dos Reis Católicos, onde se ofrecerá un concerto de frauta e piano moi especial. No Teatro Principal pivotarán a maioría das programacións. E, como todos os anos, o Festival pecharase no Auditorio de Galicia coa fusión da Real Filharmonía e os Peregrinos Musicais da IX edición que foron finalmente seleccionados para a gala de peche deste Festival de música clásica.

Primeiro concerto e gala de clausura
O arranque do Festival Peregrinos Musicais será no Teatro Principal o vindeiro venres 28 de xuño ás 20:30 horas. As entradas para este concerto están á venda na plataforma Ticketea e o propio día nos despachos de billetes do Teatro. Como novidade este ano un abono abarca todas as programacións. Mercar as entradas mediante o abono do total dos concertos ten desconto, se se adquire antes do 25 de xuño. Poderanse adquirir por un prezo de 25 € ou 20 € se o abonado cumpre algunha das fórmulas para obter un desconto. Os parados, xubilados, e menores de entre 7 e 14 anos poderán solicitar o prezo reducido ou desconto. Os menores de 7 anos poden pasar sen abonar entrada.

O papel da Real Filharmonía de Galicia e en particular do seu director, Maximino Zumalave, volve ser fundamental no festival Peregrinos Musicais e grazas á súa colaboración é posible dar o colofón de ouro a este ciclo de nove novos concertos.

Outras programacións especiais
Durante seis días, a programación do IX Festival será moi intensa. Por exemplo, o sábado 29 de xuño haberá dúas actuacións, unha delas ás 18:00 horas no Teatro Principal protagonizado por dous artistas invitados que ofrecerán un recital inédito de violín e piano, porque han repasar toda a obra do compositor galego Manuel Quiroga. O ourensán José Manuel Álvarez Losada, violinista, e o manacorí Andreu Rise, piano, serán os encargados de facer esta viaxe pola música do compositor galego. Esta obra foi recentemente recompilada e gravada nun cedé polos dous solistas. A segunda actuación desa xornada de sábado terá lugar pouco despois de finalizar o recital de Manuel Quiroga. Ás 21:00 horas, a quenda de actuación protagonizarana os Peregrinos Musicais da IX edición en san Martiño Pinario, onde ofrecerán un concerto titulado Monólogos.

O cartel do IX Festival conta ademais con outros dous concertos especiais. O 30 de xuño a música clásica colarase entre os muros do Hostal dos Reis Católicos co son da frautista internacional Aglaya Shuplyakova que ofrecerá un concerto titulado "Unha frauta diferente" xunto á pianista Ilona Timchenko, que a acompañará no escenario habilitado para a ocasión.

O 1 de xullo programarase outra das citas reservada para os grandes mestre: nesta ocasión, a cellista Amparo Lacruz e o pianista Andreu Rise fusiónanse no Teatro Principal nun concerto titulado "Sonatas para cello e piano".

O músico británico Alexander Ullman, recibido como laureado, ofrecerá o 2 de xullo un concerto de piano, outro dos momentos destacados do Festival. A súa actuación será moi especial, ao acudir a Santiago de Compostela tras gañar o primeiro premio do Concurso Liszt, un dos principais concursos internacionais de piano, tan só igualado en importancia e fama polo Concurso Internacional de Piano Frédéric Chopin, como o concurso de piano máis importante dedicado exclusivamente a un compositor.

Catro clases maxistrais
A formación é outro dos eixos importantes do Festival que este ano se reforza. Por iso, auméntase a oferta organizando catro masterclasses, incluíndo novos instrumentos. Os alumnos que o desexen poden mellorar a súa técnica e consultar cómo interpretar unha obra clásica para frauta, violín, piano ou cello.

O Festival Peregrinos Musicais non é un concurso musical. Trátase dunha oportunidade única que ofrece apoio e promoción a mozos músicos que soñan con facer carreira musical. A calidade dos concertos, o esmerado coidado e selección dos escenarios e o apoio que sempre mostra o público é un fabuloso termómetro para os músicos, que poñen a proba as súas aptitudes diante de espectadores cultos e que coñecen e valoran a música clásica. É ademais un test que mide o potencial profesional de cada un dos artistas.

A Asociación Peregrinos Musicais fundouse no ano 2011 en Santiago de Compostela da man da pianista rusa afincada na capital galega, Ilona Timchenko. Do nacemento da asociación xurdiu o desenvolvemento dunha das súas actividades centrais, a organización do festival, aínda que ao longo do ano tamén se organizan outras actividades como cursos de verán e xornadas de formación.

Compartir: